Pon como exemplo as negociacións da nova Política Pesqueira Común (PPC) 2014-2020, e recoñece que o traballo realizado por todos os axentes do sector pesqueiro galego xunto coa Administración autonómica foi tido en conta por Bruxelas, o que non só tivo consecuencias positivas para Galicia, senón que amosou os beneficios do diálogo e do traballo en común
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou ao diálogo permanente entre as administracións públicas, o sector marítimo pesqueiro, e as organizacións científicas e ambientais para acadar unha pesca sustentable e responsable. Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na inauguración do III Congreso sobre sustentabilidade social e económica do sector pesqueiro.
O mandatario galego subliñou a importancia de acadar puntos de encontro e de conxugar os intereses de todas as partes implicadas. Á Administración, dixo, correspóndelle velar pola ordenación responsable dos recursos; ao sector, adoptar unha axeitada xestión dos produtos do mar para sacar o máximo rendemento posible; e á comunidade científica, ofrecer a través dos seus informes a medida exacta do termo sustentabilidade.
Feijóo puxo como exemplo as negociacións da nova Política Pesqueira Común (PPC) 2014-2020 e recoñeceu que o traballo realizado por todos os axentes do sector pesqueiro galego xunto coa Administración autonómica foi tido en conta por Bruxelas, o que non só tivo consecuencias positivas para Galicia, senón que amosou os beneficios do diálogo e do traballo en común.
Asegurou, así, que en asuntos como a disposición de TAC e cotas ou os descartes, é indispensable acadar un punto de equilibrio no que converxan os intereses de todas as partes desde o punto de vista social, económico e ambiental. Segundo dixo, estas medidas permiten adecuar as capturas, pero tamén acadar un maior rendemento económico para as empresas sen caer na sobreexplotación dos recursos.
No caso dos descartes, afirmou que a súa eliminación debe ser flexible e realista, sen poñer en risco a recuperación dos nosos mares e océanos; e axeitada á operativa habitual e á práctica pesqueira común para non desequilibrar as facetas económicas e sociais das pesquerías. Ao respecto, sinalou que a minoración gradual dos descartes e a súa aplicación pesquería por pesquería, ademais do rendemento sustentable, son dúas cuestións fundamentais que a elaboración do Ditame Único de Galicia logrou flexibilizar e suavizar desde a postura da PPC.
Como sinalou Feijóo, os intereses do sector son seguir pescando, ter a mesma capacidade de capturas e, en definitiva, mandar unha mensaxe á Unión Europea de que en Galicia “non temos ningún interese por ser depredadores dos recursos, ao contrario, se hai un pobo que valora os recursos e a sustentabilidade dos mesmos é aquel pobo que quere seguir vivindo da pesca”, asegurou o titular da Xunta.
Mellorar a comercialización
Na súa intervención o titular da Xunta tamén avogou por achegar á sociedade a importancia que ten para a saúde o consumo de peixe e, nesta liña, defendeu a necesidade de seguir facendo esforzos para mellorar a comercialización dos produtos da pesca. Hai que facelo, dixo, aproveitando que está a piques de iniciarse a execución do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro 2014-2020, dotado con 500 millóns de euros. E agora que prosegue a prohibición paulatina dos descartes e que estamos avanzando na consecución do Rendemento Máximo Sustentable (RMS).
Ao fío disto, destacou que os orzamentos da Xunta para o 2016 están centrados nos programas de mellora da competitividade desta industria e multiplican os fondos destinados á transformación e á comercialización dos produtos do mar, aos que destinan máis de 13 millóns de euros. Do mesmo xeito, fixo alusión ao Plan de desenvolvemento, sustentabilidade e competitividade da pesca artesanal en Galicia, que vela pola vertente artesanal desta actividade e contará cun plan de emprego e formación.
Por outra banda, sinalou a importancia do Congreso que está a celebrar a FREMSS e, neste senso, convidou os alí presentes a sacar conclusións nas mesas redondas que se poidan levar á práctica, de xeito que a Unión Europea vexa no pobo galego “un pobo responsable cos recursos pesqueiros”, “un pobo que cando fai un trato o cumpre” e “un pobo que cando chega a un acordo, ese acordo se mantén no tempo”.