O Concello de Lousame abre o prazo de inscrición no espectáculo gratuíto “Contos do animalario”, de Vero Rilo. Trátase dun contacontos dirixido a nenos e nenas de 2 a 8 anos que terá lugar este domingo 2 de abril, ás 18:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Lousame. As inscricións poden facerse de xeito totalmente gratuíto en bandoticket.com ata completar o aforo do auditorio (110 prazas).
En “Contos do animalario”, Vero Rilo fai unha divertida viaxe polos montes, prados e camiños máis verdes que existen, onde se atopa cos animais máis marabillosos: toupas choscas, chivos enormes e ogros torpes, pombas doces e dragóns atroces, bechos estraños, cabalos azuis e cantigas de fai anos e non tantos. Vero Rilo é narradora oral e leva dende 2013 contando contos e historias de vida para todo tipo de público. Unhas historias nas que a música adoita estar moi presente.