A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o o expediente de contratación das Obras para a creación dun espazo interxeracional no barrio de Sar en Santiago de Compostela, cun orzamento base de licitación de 128.267,49 euros. O espazo foi deseñado coa finalidade de que as persoas das xeracións máis novas e as de máis idade compartan coñecementos e experiencias en aras dun beneficio mutuo. É un xeito de reforzar a dimensión social deste parque, pensado para potenciar a empatía e comprensión entre xeracións, así como a transferencia de valores
Este parque, segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente e de Parques e Xardíns, Mila Castro, construirase na parcela de forma rectangular que corresponde ao número 29 da Rúa Cruceiro de Sar, de 1.191 metros cadrados. Está situada entre dúas edificacións. A carón dunha delas sitúase un paso peonil que une esta rúa co Camiño de Santiago (ruta da Prata), a outra vía que a delimita. Conta con arboreda nos muros de contención que a separan do Camiño de Santiago e da vía peonil; e dispón de conexión ao saneamento, electricidade, e abastecemento.
O obxectivo do proxecto é crear un espazo intexeracional xerando unha zona de xogos e outra de estar con árboreda; que se integra á súa vez nunha contorna natural onde predominan as hortas detrás das edificacións, destacando a presenza, no seu lado Noreste, do bosque de Galicia. Con este obxectivo contempla, outras actuacions:
– A instalacion de diversos xogos, e, aproveitando a pendente está previsto colocar tobogáns, que caerán cara aereeiros.
– A creación dun talud no fondo da parcela, de xeito que en certa medida se recupere a pendente da ladeira do monte Gaiás, para evitar puntos críticos e xerar nese espazo en pendente unha zona de xogo axardinada con árbores.
– Creación dun amplo espazo con árbores, pavimentado en terra no que se poidan desenvolver todo tipo de actividades e xogos tradicionais (petanca, trompos, chave, canicas, chapas, etc.), confirgurándoo, ademais, como un espazo de interrelación entre persoas de distintas idades.
– Equipar con bancos de madeira este espazo praza-alameda entre os que se colocarán unhas pequenas mesas coa superficie en granito nas que irán gravados distintos taboleiros de xogos tradicionais.
– Unha estrutura de emparrado que cubra a zona de bancos e mesas, para xerar un espazo de sombra máis recollido.
– Un parterre perimetral confinado cun borde de granito nesa zona praza-alameda, de xeito que se crea un espazo axardinado con arbustos que amortigua e mellora a seguridade nos bordes.
– Unha iluminación adecuada para este espazo interxeracional, con luminarias dispostas en perímetro, cun nivel de luz apropiado para evitar a contaminación lumínica.
– Unha fonte de auga potable, situada na zona intermedia, próxima á área dos bancos e unha rede de rego con tres puntos de acometida.
– A restauración e pintado da baranda existente e a limpieza dos muros de mampostería que delimitan o recinto.
O proxecto xa llo presentara o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, á veciñanza de Sar, nunha xuntanza mantida en outubro do ano pasado á que asistiron distintos concelleiros, entre eles a responsable de Parques e Xardíns, Mila Castro.
Outros acordos
O Goberno Municipal tamén aprobou ceder, á deputación da Coruña, o uso, por 25 anos, baixo a fórmula da adscricións demanial finalista o inmoble municipal de natureza demanial sito na Praza do Matadoiro 4, (coñecido coo Casa da Xuventude) para que o rehabilite na súa integridade incluíndo a adecuación parcial ao planeamento coa eliminación de parte do volume baixo cuberta definido no proxecto que se aprobe, para ubicar nel a servizos e implantar un centro dotacional multiusos desa administración que albergará as súas oficinas de recadación, actividades e servizos da súa competencia e usos institucionais da Deputación na cidade de Santiago.