A alcaldesa, Inés Rey, definiu o EMHU como unha “cita obrigada” na programación cultural da cidade
Contará con máis de 20 humoristas e espectáculos como “Estirando el Chicle”, e ‘Buenismo Show’ xunto con actividades paralelas de balde
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a programación do Encontro Mundial do Humorismo (EMHU) que terá lugar na Coruña entre os días 28 de abril e 7 de maio. Dez días nos que A Coruña acollerá as figuras máis destacadas da comedia a nivel nacional, como Eva Hache, Dani Rovira, Eva Soriano, Marta Hazas ou Silvia Abril, e espectáculos como ‘Estirando el Chicle’, con Victoria Martín e
Carolina Iglesias ou ‘Buenismo Show’ con Quique Peinado, Henar Álvarez e Manuel Burque.
Inés Rey interveu xunto con Luis Piedrahita, director do EMHU, con Goretti Castro, responsable de Cultura, Orixe e Gastronomía de Hijos de Rivera e Gonzalo Trenor, delegado da Xunta de Galicia acompañados polos humoristas Carmen Méndez, Ledicia Sola, Javier Veiga, Marta Doviro, Oswaldo Digón e Xosé A. Touriñán. “Esta é unha mostra dos máis de 20 humoristas que teremos na Coruña, unha cita xa obrigada na programación cultural da nosa cidade e que estou segura de que novamente será un éxito” sinalou a alcaldesa.
A terceira edición do Encontro Mundial do Humorismo incluirá na súa programación de pago a gravación dun programa especial de ‘Estirando el chicle’ no Castelo de San Antón e a estrea en Galicia de ‘Buenismo Show’, o espectáculo de Manuel Burque, Henar Álvarez e Quique Peinado baseado no programa radiofónico ‘Buenismo Bien’. Tamén como novidade o EMHU acollerá a estrea en España de ‘Garabato controlado’, o último espectáculo do arxentino Juan Barraza xunto coa estrea absoluta de novos traballos de humoristas galegas como ‘As R(h)umorosas’, de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, ou ‘Ansia viva’, de Oswaldo Digón e o músico Luis Tinaquero.
No marco do Encontro, promovido polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, programaranse actividades paralelas de balde achegando a cultura e o humor a todos os coruñeses e coruñesas. Destacan entre elas e exposición ‘El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad’ ou a conversa ‘Picasso e a caricatura’, no marco das actividades do Ano Picasso.
O ano pasado o EMHU sumou máis de 19.000 espectadores e nesta edición son varios os espectáculos que xa contan con entradas esgotadas. ‘Estirando el Chicle’ e ‘Buenismo Show’ esgotaron o total das entradas individuais xunto con “La Capital del pecado 2.0”, “La Ruina” e “Fantastic Colofón”.
Programación paralela do EMHU 2023
O venres 28 de abril, antes da estrea en Galicia de ‘Buenismo Show’, a Casa Museo Picasso acollerá a apertura da mostra ‘El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad’ co gallo da conmemoración do Ano Picasso polo 50º aniversario da morte do pintor. Trátase dunha exhibición que conta con traballos de Mingote, Quino, Gallego y Rey ou Flavita Banana, entre outras sinaturas a través da cal achegan a súa visión e ideas sobre o bombardeo histórico plasmado por Picasso nunha das súas obras máis universais. A exposición, impulsada polo Concello da Coruña xunto co EMHU e o Instituto Quevedo del Humor, poderase visitar até o 30 de xuño no horario habitual do recinto municipal.
Esa mesma tarde, a partir das 19.00 horas, Siro López ofrecerá unha conversa baixo o nome ‘Picasso e a caricatura’, na que o humorista gráfico porá sobre a mesa a relación do malagueño con esta arte a través do seu propio arquivo. A cita, ao igual que a exposición, será de acceso libre e na Casa Museo Casares Quiroga.
Ao día seguinte, o sábado 29, a sede de Afundación acollerá un espectáculo de improvisación -de acceso libre até completar a capacidade do auditorio- creado polo alumnado do curso de nivel avanzado da Escuela de Impro Coruña, entidade dirixida por Víctor Grande e Oswaldo Digón.
O venres 5 de maio, ás 21.00 horas, estrearase por primeira vez en Galicia no Teatro Colón o novo programa ‘Showriano’, conducido pola cómica Eva Soriano. Na súa cita contará con Leo Harlem como convidado entre outras sorpresas. As invitacións para asistir á presentación pódense retirar, desde este luns, na páxina web www.emhu.es.
A programación paralela do EMHU 2023 completarase cunha nova edición do concerto ‘La banda sonora de nuestra risa’, unha proposta singular na que o EMHU e a Banda Municipal de Música da Coruña unen forzas, por segundo ano consecutivo, para ofrecer un espectáculo musical na que a risa estará garantida. O acceso ao concerto, que terá lugar o xoves 4 de maio a partir das 19.30 horas no Teatro Colón será gratuíto previa retirada de convite a través da web www.emhu.es.
Toda a programación do EMHU 2023
Venres 28 de abril
18.30 horas | Casa Picasso: El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad
(apertura)
19.00 horas | Casa Picasso: Picasso e a caricatura (acceso libre ata completar
capacidade)
21.30 horas | Teatro Colón: Buenismo Show
Sábado 29 de abril
12.30 horas | Afundación: Escuela de Impro Coruña (acceso libre ata completar
capacidade)
17.00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso
19.00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa
22.00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa
Domingo 30 de abril
16.00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo
18.00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida
20.30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte
Luns 1 de maio
19.30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia)
Mércores 3 de maio
19:30 horas | Afundación: As R(h)umorosas (estrea absoluta)
Xoves 4 de maio
19.30 horas | Teatro Colón: La banda sonora de nuestra risa (gratuíta previa retirada de
convite en emhu.es)
21.00 horas | Afundación: Ansia viva (estrea absoluta)
Venres 5 de maio
19.30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España)
21.00 horas | Teatro Colón: Showriano (gratuíta previa retirada de convite en emhu.es)
Sábado 6 de maio
12.30 horas | Teatro Colón: La Ruina
19.00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta)
22.00 horas | Palexco: Animus Iocandi
Domingo 7 de maio
20.00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon