Friday 22 de November de 2024

O Concello conmemorará este sábado o Día Europeo da Artesanía programando máis dunha decena de obradoiros de oficios tradicionais


As actividades desenvolveranse en horario de mañá e tarde no Ágora en colaboración coa Asociación Galega de Artesáns

As prazas para participar nos obradoiros daranse por orde de inscrición

O Concello da Coruña conmemorará este próximo sábado, 1 de abril, o Día Europeo da Artesanía promovendo e organizando máis dunha decena de obradoiros sobre oficios tradicionais, englobados baixo a denominación de Oficios en Acción.

As actividades, que se desenvolverán no Ágora, están organizadas en colaboración coa Asociación Galega de Artesáns. Oficios en Acción enmárcase dentro dos Días Europeos da Artesanía, unha iniciativa que se repite a nivel europeo desde o ano 2002, e na que este ano haberá actividades en doce paises distintos. Os Días Europeos da Artesanía en España están promovidos por Fundesarte e Oficioyarte OAE, organización na que a Asociación Galega de Artesáns está integrada e participa na súa dirección. Tamén en colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia que participa na promoción e organización de eventos relacionados na nosa comunidade autónoma.

Oficios en Acción é unha aposta por volver poñer a disposición da xente da cidade a actividade dos obradoiros artesáns, que recollen no seu saber facer elementos da cultura popular para conservalos e adaptalos á modernidade. O sábado día 1, o Concello e a Asociación Galega de Artesáns desenvolverán actividades de balde para público de distintas idades, con obradoiros onde será posible ver como realizan os artesáns e artesás o seu traballo profesional ou participando na elaboración de pezas baixo a súa guía e control.

Haberá obradoiros de demostración de oficio de marroquinaría, tecido, talla de vidro, zapataría e olaría, ademais de dous obradoiros de xoiería e outros dous sobre tecido manual, un de miyuki (técnica de orixe xaponés de engastado de doas) e un de estampado floral téxtil, nos que o público poderá participar na elaboración das pezas.

Distribuídos en diferentes aulas do Ágora en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, os obradoiros abertos á participación teñen un número limitado de prazas, que se distribuirán por orde de inscrición. Para formalizar dita inscricióin é preciso chamar ao teléfono 981293688 en horario de 09.00 a 14.00 horas ou enviar un whatsapp ao número 616 539 251.

Entre os obradoiros previstos os haberá dedicados á elaboración de tapices, zapatos, xoiería, tear, olaría, elaboración de pandeiretas, coiros… Cuaderna Maestra Tecido Pontecaldelas, de Pontevedra, coordinará un obradoiro de tapiz en pequenos bastidores de alto lizo, con materiais diversos (lá, algodón, liño), no que cada persoa participante poderá realizar un pequeno tapiz e levalo consigo. Zapaterías Rodríguez, da Coruña, dirixirá a elaboración dun zapato Derby, coa toma de medidas, padronaxe, corte de pezas e posterior capelada, forros e montaxe do zapato. Ardentia Xoiería, de Bergondo, encargarase dun obradoiro de esmalte ao lume sobre prata no que cada participante levará a peza realizada.

Belategui Regueiro Téxtil Cambre fará unha demostración de tecido en tear de baixo lizo, ofrecendo as explicacións dos procesos ao público asistente dende a montaxe do tear ata o fin do proceso de tecido. Marilá Olaría de Carballo fará tamén unha demostración de torno de pé, e Sanín Instrumentos de Percusión Tradicional, de Santiago, elaborará pandeiretas que cada participante poderá levar posteriormente.

Corman Talla de Vidro de Vigo encargarase dunha demostración de talla de vidro, cos catro pasos do proceso de traballo: marcado, rebaixado, afinado e puído. Coiraxe Marroquinería Vigo fará unha demostración de Cordobán, a ancestral técnica de repuxado e policromado, que ten orixe nos coiros decorados durante o período Andalusí. Mario López Xoiería, de Vigo dirixirá a realización dun brazalete a partir da reutilización dunha culler e un garfo antigos de alpaca ou prata -as persoas participantes poderán traelos das súas casas ou traballar cos que achegue o propio artesán-.

Casperlota Estampación, de Paderne, será responsable do obradoiro de impresión téxtil, coa técnica xaponesa denominada Hapa Zome, na que se extraen os pigmentos das plantas golpeando repetidamente, e posteriormente fixando as cores con pedra de alume. E por último, Artesanía Nía Miyuki, de Neda, elaborará un conxunto de pulseira e pendentes a xogo.