Friday 22 de November de 2024

O Concello estrea o Centro Integral da Mobilidade con dispositivos de última xeración para mellorar o tráfico na cidade


Inés Rey: “Adaptamos o control da mobilidade cun novo sistema de seguimento que estamos a implementar co obxectivo de facilitar os desprazamentos na cidade”

O Concello da Coruña renovou o Centro Integral de Mobilidade con novas pantallas e equipos informáticos para o seguimento do fluxo do tráfico e a mobilidade urbana da cidade. Trátase dunha actuación que se enmarca na renovación do control da mobilidade na Coruña, que contará con novos dispositivos con intelixencia artificial e ‘big data’. “Adaptamos o control da mobilidade cun novo sistema de seguimento que estamos a implementar co obxectivo de facilitar os desprazamentos na cidade avanzando cara esa Coruña máis sostible e máis segura” explicou a alcaldesa.

O proxecto conta cun orzamento de 6 millóns de euros procedentes dos Fondos Next Generation no que se inclúe a adquisición de novos dispositivos de control e seguimento do fluxo de tráfico, paneis de información cidadá e medidores de calidade do aire xunto con esta adaptación do centro integral de mobilidade. “O novo sistema permitiranos ter un maior coñecemento e unha maior precisión sobre o estado da mobilidade en tempo real sobre posibles incidencias ou conxestión do tráfico, garantindo unha mellor seguridade viaria e ofrecendo alternativas que acheguen unha maior fluidez á circulación”, sinalou Inés Rey.

O centro de control completarase coa instalación de 190 cámaras de distinto tipo que se sumarán ás 200 xa existentes instaladas en diversos puntos da cidade. Ademais, froito dun convenio de colaboración entre as administracións, o Concello da Coruña poderá obterinformación das 37 cámaras da Dirección Xeral de Tráfico situadas na contorna da Coruña para ter información sobre as entradas e as saídas da cidade. “Ferramentas que nos axudan a mellorar a mobilidade urbana da Coruña e coas que seguimos facendo unha cidade máis innovadora, máis sostible e máis tecnolóxica” concluíu a alcaldesa.

A cidade contará cun sistema que permitirá medir os fluxos de tráfico en cada momento e tomar decisións en tempo real para melloralo, ademais, instalaranse tamén 88 novos paneis con información útil para os condutores que se sumarán aos 19 existentes.