Os praceiros e praceiras volverán á actividade nas instalacións acondicionadas polo Concello ata o remate das obras de renovación da praza de abastos
O mercado provisional instalado na praza de Indalecio Prieto mentres duren os traballos de renovación e mellora do mercado de Monte Alto abrirá ao público este mércores 29 de marzo, unha vez resoltos os trámites previos de acondicionamento da instalación.
Os praceiros e praceiras de Monte Alto volverán deste xeito á actividade neste recinto provisional. O Concello, de mutuo acordo co persoal, decidiu aplicar unha suspensión do prazo de duración das súas concesións como compensación polo seu traslado a Indalecio Prieto. Deste xeito, as concesións de praceiros e praceiras estenderanse 10 meses máis, tendo o Goberno de Inés Rey a capacidade de ampliala aínda máis en función do funcionamento do mercado provisional.
As obras de renovación do mercado de Monte Alto son unha intervención fundamental para o barrio, que gañará en servizos e calidade dos seus espazos públicos. Os traballos teñen un prazo de execución de 26 meses e un investimento de 10,4 millóns de euros. O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Comercio, Mercados, Consumo e Barrios, está en contacto cos traballadores e traballadoras do mercado para que este traslado temporal transcorra en condicións óptimas. Nas últimas semanas instaláronse nos novos postos as cámaras de frío e os elementos precisos para o normal desenvolvemento da actividade comercial.
Unha renovación integral
Os traballos para renovar o mercado de Monte Alto, adxudicados polo Goberno municipal á UTE composta polas empresas Prace Servizos e Obras e Xestión Ambiental de Contratas. O novo mercado incorporará melloras de eficiencia enerxética no edificio, tanto en vidros como en sistemas de calefacción, así como nos equipamentos. Inclúe, ademais, a reforma da escola infantil de Monte Alto e da praza. Actuarase tamén sobre a rúa Joaquín González, que quedará peonalizada e reurbanizada. O orzamento previsto tamén incluíu unha partida específica de 850.000 euros para crear o mercado provisional de Indalecio Prieto.
A urbanización exterior e a nova rúa peonil chegará case aos 500.000 euros de orzamento, mentres que os traballos na escola infantil ascenderán a 140.000 euros. O resto destinarase aos traballos relacionados co novo edificio. Ademais, está previsto plantar árbores na praza e nas beirarrúas, o que lle dará á contorna un maior atractivo para a cidadanía.