Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez destaca que 2.000 persoas visitaron a exposición de Picasso na súa primeira fin de semana


O responsable de Cultura da Xunta subliña que os datos evidencian “o enorme interese por achegarse a esta faceta máis descoñecida do artista e coñecer como a súa etapa en Galicia inflúe posteriormente na súa traxectoria artística e persoal”

Preto de 2.000 persoas visitaron a exposición Picasso branco no recordo azul, organizada pola Xunta de Galicia no Museo de Belas Artes da Coruña, na súa primeira fin de semana. As cifras recollen os visitantes rexistrados nos tres días iniciais de apertura, do venres 24 ao domingo 26 de marzo, cando se achegaron ata a mostra un total de 1.921 persoas, ás que se suman os 150 participantes nas Xornadas Picassianas celebradas no auditorio do propio museo.

En opinión do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, trátase dun éxito que evidencia “o enorme interese dos coruñeses, dos galegos e dos turistas por achegarse a esta faceta máis descoñecida de Picasso e coñecer como a súa etapa en Galicia inflúe posteriormente na súa traxectoria artística e persoal”.

Entrada de balde de martes a domingo
Picasso branco no recordo azul é a única exposición da Comunidade galega integrada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023. Trátase dunha iniciativa na que a Xunta de Galicia se suma ás homenaxes ao artista impulsadas polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

A mostra, comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación da directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e o seu equipo técnico, pode verse ata o 25 de xuño.

O centro museístico xestionado pola Xunta de Galicia abre con acceso gratuíto todos os días agás os luns, no seu horario habitual, que pode consultarse na súa web, ao igual que as distintas posibilidades de visitas, todas elas gratuítas.

Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.
Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.