A zona infantil situada detrás do Centro Sociocultural de Lavacolla, chámase, desde hoxe, “Parque infantil de Janusz Korczak”. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu este mediodía o descubrimento da placa en homenaxe á memoria deste médico e educador polaco. É, segundo explicou o doutor Antonio Pombo, o primeiro espazo público do Estado Español en levar o nome de Janusz Korczak.
A placa, colocada polo Concello de Santiago a petición da Asociación de Veciños de Lavacolla, ten grabado o seguinte texto: “Parque infantil Janusz Korczak. Varsovia, 1878 – Treblinka, 1942. Médico, educador e protector da infancia que foi asasinado, xunto ao persoal e aos nenos e nenas do orfanato que dirixía no campo de exterminio de Treblinka”.
No acto interviron, por este orde, Manuel Salvado, presidente da Asociación Veciñal de Lavacolla, o doutor Antonio Pombo, quen fixo un resume da vida de Janusz Korczak e destacou a súa humanidade e o seu labor pedagóxico; e o alcalde. Para Sánchez Bugallo “é necesario non esquecer as cousas que pasaron, para que non se volvan repetir”. Lembrou que “en Lavacolla houbo un campo de concentración” franquista. “É xusto”, continuou, “que nun lugar que sufriu esa imposición exista un recordo para a dignidade”.
No acto estaban presentes, ademais dun grupo de veciños e veciñas de Lavacolla, os concelleiros de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte; de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón; de Parques e Xardíns, Mila Castro; e de Medio Rural, Begoña Rodríguez; así como o edil Xan Duro, de CA.
BIOGRAFÍA
Janusz Korczak (pseudónimo de Henryk Goldszmit) foi un educador, médico e escritor xudeu nado o 22 de xullo do ano 1878 na cidade de Varsovia (Polonia).
O seu labor en pedagoxía infantil, a súa actitude heroica ante os nazis e as súas pioneiras manifestacións de dereitos para o neno son aspectos crave da súa transcendencia profesional e persoal.
Korczak naceu no seo dunha familia de clase media alta que viviu un período de precariedade económica ao falecer o seu pai, o avogado Josef Goldszmit, cando aínda Janusz era un neno. Superada esta etapa, Korczak estudou Medicina na especialidade de Pediatría en diversos centros educativos, como a Flying University e a Universidade de Varsovia, ampliando, a continuación, os seus coñecementos en Berlín. Nos períodos vacacionais traballaba en campamentos de verán para nenos abandonados.
O carácter altruísta de Korczak púxose de manifesto na cantidade de orfanatos que atendeu desde o ano 1904 (nalgún chegou a crear un autogoberno dos propios nenos que tamén escribían o seu propio xornal) e nos auxilios médicos que realizou en diversos conflitos bélicos, como a guerra entre Rusia e Xapón ou a Primeira Guerra Mundial.
Á marxe dos seus artigos xornalísticos e os relatos humorísticos que escribiu cando aínda era estudante de secundaria, Korczak sobresae polos diversos ensaios e libros de ficción que publicou sobre a infancia, entre eles “Os nenos das rúas” (1901), onde describe accións de supervivencia de nenos sen recursos que vivían abandonados “Nenos no cuarto de debuxo” (1906), ou “Se eu volvese a ser neno” (1925)
Aos trinta anos da súa morte concedéuselle, a título póstumo, o Premio da Paz dos Libreiros Alemáns. Na súa honra, entrégase tamén o Premio Janusz Korczak de literatura, que obtiveron, entre outros, Mirjam Pressler, Michael Ende, Astrid Lindgren ou Carme Solé.