Apertura da Xuntanza de Palilleiras de Fene que se desenvolve no pavillón municipal da Xunqueira, en San Valentín, durante toda a xornada de hoxe.
No evento participan máis de 400 artesás e artesáns pertencentes a 52 escolas chegadas tanto da comarca como doutros puntos de Galicia. Ademais de vermos ao vivo como traballan, tamén podemos mercar pezas moi elaboradas e todo tipo de materiais relacionados co encaixe, o fío e os tecidos.
A xuntanza foi inaugurada a media mañá polo alcalde, Juventino Trigo, quen lles deu a benvida a todas as persoas participantes. O rexedor incidiu na “importancia de preservar esta tradición” e destacou o feito de “poder reencontrarnos en Fene” despois de tres anos de pandemia en que a cita se viu interrompida.
Trigo tamén lle agradeceu o seu labor e capacidade de convocatoria ás entidades que colaboran co Concello na organización: a AVV San Xurxo de Magalofes, do CPS de San Valentín, da SCRD Agarimo de Sillobre, a Liga de Amigos de Barallobre e a asociación veciñal de Limodre.