Monday 25 de November de 2024

Asinado o convenio que permitirá poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos para a creación do Centro Integral de Saúde


O documento firmado o venres polo alcalde e polo propietario da parcela será ratificado este luns pola Xunta de Goberno Local

Evencio Ferrero e o propietario da parcela lindeira co centro de saúde, Alberto Varela, firmaron este venres o convenio urbanístico que permitirá poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos solicitados para a reconversión do edificio actual nun Centro Integral de Saúde (CIS). O alcalde agradeceu a colaboración da propiedade para poder dar cumprimento á solicitude da Consellería de Sanidade e manifestou o seu desexo de que a boa vontade amosada polas partes asinantes do convenio sirva para garantir o equipamento e a oferta sanitaria que os veciños e as veciñas do noso concello necesitan e merecen.
Coa sinatura do acordo culmina o proceso iniciado a finais do 2021, a raíz da aprobación, por parte do Consello da Xunta, do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que incluía entre os obxectivos prioritarios a creación do CIS de Carballo e establecía a necesidade de contar cunha superficie de 1.820,60 metros cadrados para dar cabida aos novos servizos previstos.
Respecto das distintas alternativas para o emprazamento do CIS presentadas polo Concello de Carballo, a Consellería de Sanidade considerou como única opción viable a construción dun novo edificio anexo ao actual, o que implicaba a necesidade da obtención da propiedade do solo por parte do Concello. Tras numerosas conversas e non menos trámites administrativos foi posible acadar o acordo coa propiedade que agora se materializa, e que, tras a sinatura deste venres, será ratificado o luns pola Xunta de Goberno Local.
Tal como establece o convenio, o Concello de Carballo cederá o terreo á Consellería de Sanidade para a construción do CIS e, se é preciso, urbanizará a superficie destinada a vías. Tamén se fará cargo dos gastos e tributos derivados da cesión, e ademais recoñece ao propietario da parcela o aproveitamento urbanístico que lle puidese corresponder pola superficie cedida cando se desenvolva o sector de solo urbanizable SR-5.
Por parte da Administración local tamén se aplicará, con respecto dos gastos de urbanización que se xeren coa actuación, a oportuna compensación en virtude da cesión efectuada en 1988. Neste sentido cómpre lembrar a existencia dunha cesión previa de 1.258 metros cadrados realizada hai 35 anos por Alberto Varela para a construción do actual centro de saúde, e que naquel convenio incluíase unha serie de obras viarias que non se completaron. O Concello de Carballo asumirá o importe da obra urbanizadora equivalente á valoración dos terreos cedidos de xeito gratuíto no ano 1988.

A partir da ratificación do convenio por parte da Xunta de Goberno Local abrirase un período de exposición pública, tal como establece a lexislación vixente, para que as persoas interesadas poidan consultar o documento e realizar, se o consideran, as alegacións oportunas.