Friday 22 de November de 2024

A Concellaría de Igualdade de San Sadurniño preséntalles ás entidades o IV Plan de Igualdade


A Casa da Xuventude foi punto de encontro no serán deste xoves entre varias entidades veciñais e deportivas do municipio, representantes municipais e persoas que forman parte do proxecto O Lavadoiro, de cara a presentar o contido do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño. O documento, aprobado recentemente en Pleno, é unha folla de ruta con todas as estratexias e medidas concretas que rexerán a acción municipal nos próximos catro anos, coa finalidade de seguir avanzando cara a unha igualdade plena entre mulleres e homes. Un camiño que o consistorio quere percorrer na compaña e coa máxima implicación do tecido social, utilizando como guía o contido do propio PIOMH ou outras liñas de traballo que se poidan poñer en marcha a partir das necesidades que se vaian detectando, como por exemplo o deseño de protocolos que lles permitan aos colectivos detectar e actuar ante casos de acoso, abuso ou agresión que poidan producirse nos eventos que organicen.

Da presentación do IV PIOMH encargouse a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas Castro, quen repasou o contido dun plan deseñado “coa participación social” e baixo a premisa “de que sexa comprensible e aplicable na práctica”.

O Plan de Igualdade, que pode lerse en liña descargarse desde esta ligazón, estrutúrase en catro grandes liñas con obxectivos e accións concretas que se deben poñer en marcha para acadalos. As principais epígrafes refírense á necesidade de proseguir coa integración da perspectiva de xénero en todos os ámbitos da Administración municipal, a promoción do empoderamento feminino e a participación da muller na vida social e política, o desenvolvemento de medidas que favorezan a conciliación relacionada tanto con fillos e fillas como co coidado de persoas maiores e dependentes e, por último, o reforzo de todas aquelas actuacións que axuden a erradicar calquera forma de violencia de xénero.

A responsable municipal de Igualdade solicitoulles aos colectivos que a colaboración prestada no deseño do documento continúe agora cun compromiso decidido para levalo á práctica en todos os ámbitos de actuación das asociacións. Neste sentido, ademais de achegar o documento impreso do plan, Bellas tamén lles entregou un libriño sobre Linguaxe non sexista publicado pola Deputación da Coruña instando ás entidades a que o utilicen como referencia “no deseño de carteis e de calquera outra comunicación”.

Na xuntanza celebrada onte á noitiña participaron o CF San Sadurniño, o Aldebarán, a escola de fútbol Irmandiños, a UDC Narahío, Adiante de Igrexafeita, O Castelo de Narahío, a AVV de Santa Mariña, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña, a AGFA do Eume e o proxecto O Lavadoiro.

Ademais de abordar o contido do IV PIOMH, o encontro tamén serviu para debater sobre os roles de xénero atribuídos tradicionalmente a homes e mulleres polo patriarcado social e para expor distintos puntos de vista sobre o significado do feminismo, entendido como posicionamento vital e como movemento social que conqueríu importantes avances nas últimas décadas.

Porén, boa parte das dúas horas que durou a reunión ocupáronse en falar do deseño dun decálogo de prevención e actuación ante situacións de violencia machista que se poidan producir en festas ou outros eventos organizados polas entidades nos que se xunte un grande número de persoas.

Da posta en común de opinións e de experiencias non saíu un listado de recomendacións propiamente dito, pero si un compromiso de traballar nese sentido atendendo ás especificidades das asociacións e clubes e á tipoloxía de actividades que promove cada unha delas. Neste sentido, Concello e asociacións coincidiron na necesidade de que se organicen actividades formativas sobre como detectar este tipo de situacións e como se debe proceder despois na asistencia e apoio ás vítimas.

Un labor para o que a rede de facilitadoras e aliados do pacto comunitario O Lavadoiro tamén ofreceron a súa colaboración. Tres das súas representantes -Micaela Campanini Caffaro, Raquel López Piñeiro e Lucía Ríos Dopico- brindáronse a manter cantas xuntanzas informais sexan necesarias, de cara a compartir coas asociacións e clubes os seus coñecementos. Ademais tamén se comentou a posibilidade de que os plans de prevención e seguridade dos eventos poidan incorporar un apartado específico sobre os riscos derivados de condutas machistas.

Últimas actividades co gallo do #8M
A presentación ás entidades do IV PIOMH encadrouse nas actividades desenvolvidas polo Concello durante todo este mes de marzo. O ramo ao programa poráselle mañá sábado, 25 de marzo, coa apertura na Casa da Cultura da exposición de collages deseñados no obradoiro de Tempos para compartir que dirixiu a artista local Tamara Painceira Villar (Tam PV / Inercia Inesperada).

A inauguración -prevista para as 17:00h- acompañarase dun encontro das participantes para comentaren os significados que tentaron transmitir coa colección. Posteriormente, ás 19:00h, proxectarase no auditorio o filme documental de Antón Caeiro “Eu tamén necesito amar”, seguido dunha mesa redonda á que asistirán tanto o director como algunhas das mulleres de San Sadurniño que saen no audiovisual.