Wednesday 27 de November de 2024

Preto de 150 persoas afondan da man dos responsables dos museos picassianos de España e Francia nas novas perspectivas da obra do artista


— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa hoxe na primeira actividade da Xunta de Galicia dentro do programación da mostra Picasso branco no recordo azul, que xa se pode visitar no Museo de Belas Artes da Coruña

— Interveñen director artístico do Museo Picasso de Málaga, a responsable de dixitalización das coleccións do Museo Nacional Picasso-París, o director de restauración do Museu Picasso de Barcelona e un dos seus biógrafos

Preto de 150 persoas asisten á Xornada Picassiana organizada este venres no Museo de Belas Artes da Coruña no marco das actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul, promovida pola Xunta de Galicia para afondar na pegada galega na obra do artista. Coincidindo coa apertura da mostra, arranca tamén o programa de actividades paralelas que se prolongará varios meses.

Así, reputados expertos e responsables de museos picassianos de España e Francia participan durante todo o día na Xornada Picassiana. Os museos como centros de investigación, unha iniciativa do Goberno galego deseñada e coordinada polo equipo técnico do Museo, á que hoxe asiste o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Nela expóñense novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.

A actividade, que conta tamén coa participación dos tres comisarios, Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, enmárcase no contexto da devandita exposición que é a única mostra galega incluída na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España. A directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, encargouse de dar a benvida aos asistentes.

Programa da xornada
En primeiro lugar, foi a quenda de José Lebrero Stals, director artístico do Museo Picasso de Málaga, que falou da arte alemá e Picasso. O arquitecto e catedrático de Composición da Universidade da Coruña José Ramón Soraluce impartiu o relatorio O instituto e a cidade dos Picasso. O Museu Picasso de Barcelona está representado pola súa directora de restauración Reyes Jiménez, que aborda o proceso creativo desde a mirada da ciencia.

Tamén intervén Violette Andrés, responsable dos fondos fotográficos e programas de dixitalización das coleccións do Museo Nacional Picasso-París, que explica o vínculo de Picasso coa fotografía. Pablo Picasso: a formación literaria dun poeta recén nacido é o relatorio de Rafael Inglada, poeta, editor e biógrafo de Picasso que actualmente traballa na Casa Natal Museo de Málaga. Finalmente, a directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, Elena Pardo, céntranse na formación académica do artista malagueño.

Ademais de ocuparse da obra de Picasso, estas xornadas buscan visibilizar o papel fundamental dos museos como centros de documentación e investigación, así como de interrelación e intercambio con outras institucións.

Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.
Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.