O consistorio e o organismo dependente da Xunta asinarán un convenio para a dotación de iluminación pública e o mantemento das zonas verdes, que inclúen a cesión do espazo onde está proxectado un novo parque infantil
Responsables de Portos de Galicia e do Concello de Fene visitaron esta mañá as obras de reurbanización que se están desenvolvendo na contorna do peirao de Barallobre co obxectivo de mellorar os usos públicos da zona. O proxecto autonómico céntrase na ampliación de prazas de aparcamento e no aglomerado das vías de acceso. O consistorio tamén será partícipe da actuación por medio da sinatura dun convenio que recollerá, entre outras cuestións, a dotación do paseo con iluminación pública con tecnoloxía led e o paso a mans municipais do parque infantil, cuxo acondicionamento xa está contratado pola Concellaría de Servizos dentro dun paquete de restauración de espazos lúdicos que abrangue todo o territorio municipal.
Durante a visita desta mañá, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a responsable de Servizos, Sandra Permuy, mantiveron un encontro coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, así como un dos responsables técnicos do ente público, de cara a definir a colaboración municipal no proxecto de acondicionamento do peirao de Barallobre.
Segundo comenta o rexedor Fenés, Portos está desenvolvendo nestes momentos a reurbanización da zona “co obxectivo de mellorar a accesibilidade e o tráfico”, sobre todo nas inmediacións das instalacións da confraría, onde se ampliarán as prazas de aparcamento e se suprimirán uns metros de zona verde “para facilitar o paso de vehículos pesados e do transporte escolar”, explica Trigo.
As obras comprenden tamén a retirada de varias árbores -que se substituirán por variedades autóctonas e outras plantas- e, como remate, o aglomerado das vías que percorren a fachada marítima.
Porén, tal e como apunta o alcalde, o proxecto de Portos de Galicia non contemplaba iluminación pública na zona do novo aparcadoiro e por esta razón, o Concello de Fene ofreceuse a incluíla no plan de despregamento led que se está acometendo en todo o municipio. “No proxecto non se prevía a iluminación, e por iso consideramos oportuno darlles a posibilidade de que deixasen a preinstalación feita e, unha vez rematadas as obras, seremos nós desde o Concello quen instalemos os novos farois”.
O ofrecemento quedará recollido nun convenio de próxima sinatura que tamén se aproveitará para regularizar “a situación de indefinición” sobre a titulariedade do parque situado xusto na desembocadura da rúa Ribeiroa. “O Concello leva anos mantendo o parque, a pesar de que non había un documento de cesión por parte de Portos do Estado primeiro e de Portos de Galicia despois. Hai uns meses solicitamos que ese espazo pasase ser de propiedade municipal para poder actuar nel sen necesidade de autorizacións autonómicas. Hoxe acordamos incluír no convenio da iluminación tamén a cesión do parque”, explica Juventino Trigo.
Pola súa banda, Sandra Permuy -responsable de Servizos- engade que este acordo permitirá “executar en breve a renovación dos xogos e outro equipamento que vén demandando desde hai tempo a veciñanza”.
De feito, segundo explica a concelleira, a Administración local xa dispón dun proxecto e do orzamento reservado para executalo, dentro do programa de acondicionamento de espazos lúdicos infantís en distintos puntos do territorio.
Permuy recorda a este respecto que nos últimos meses se repararon os parques do Souto (Sillobre) e de Limodre, o da praza da escola de Perlío, o parque do Feal en Magalofes e a área de xogos do Grupo Escolar Curros Enríquez, en Maniños, e que nestes momentos tamén está en marcha o acondicionamento do parque liñal do Cádavo.