Friday 22 de November de 2024

O Coro da Sinfónica de Galicia celebra o seu primeiro cuarto de século cun concerto en Betanzos


Javier Fajardo, novo director da agrupación, dirixe un programa con obras de Juan Montes, Gesualdo e Purcell que se ofrecerá mañá en Viveiro e o sábado en Betanzos

A actuación terá lugar na Igrexa de Santiago de Betanzos, o mesmo escenario onde fai 25 anos ofreceu o seu primeiro concerto

O Coro da Sinfónica de Galicia celebra o seu primeiro cuarto de século cun concerto este sábado 25 de marzo na Igrexa de Santiago de Betanzos, localidade onde hai vinte e cinco anos, o 21 de marzo de 1998, ofreceu o seu primeiro concerto baixo a dirección do seu fundador James Ross, entón responsable da Escola de Práctica Orquestral da Sinfónica de Galicia e promotor da creación e primeiras audicións públicas da agrupación coral.

Se naquela ocasión soaron fragmentos de obras corais de Mendelssohn e Schubert así como a Fantasía para piano, coro e orquestra de Beethoven, esta vez o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia cantará o “Miserere” de Carlo Gesualdo, “Funeral Sentences” de Henry Purcell e a “Misa solemne na honra do apóstolo Santiago” do autor galego Juan Montes. O concerto, que estará dirixido por Javier Farjardo, novo director musical do coro, ofrecerase previamente no Convento de San Francisco de Viveiro o venres 24 de marzo ás 20.30 h.

O Coro da OSG, fundado en 1998, deu o seu primeiro concerto o 21 de marzo dese ano xunto coa Escola de Práctica Orquestral da OSG e baixo a dirección de James Ross. Desde a súa fundación o Coro da OSG desenvolveu unha intensa actividade artística centrada nos repertorios sinfónico-coral, operístico e a capella tendo con Company como director do grupo.

O proxecto coral da Sinfónica de Galicia confórmano, además do Coro da OSG, o Coro Novo e o Coro Infantil. O coro participou en varias edicións do Festival Mozart da Coruña, Festival de Música da Coruña, nos ciclos de concertos Música en Compostela, O Son das Catedrais, Festival Internacional de Órgano Catedral de León e en diversos escenarios e auditorios da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Ourense… sempre baixo a dirección de prestixiosos directores como Lorin Maazel, Eliahu Inabal, Ton Koopman, Alberto Zedda, Jesús Ópeixe Cobos, Víctor Pablo Pérez, Miguel Ángel Gómez Martínez, Richard Egarr, Dima Slobodeniouk, Josep Pons e Ros Marbà.

Destaca do seu repertorio a súa dedicación á música sinfónico-coral de Bach, Vivaldi, Haydn, Mozart, Beethoven, Schubert, Brahms, Mahler, Mendelssohn, Shostakóvich, Puccini, Fauré, Orff, Debussy, Britten, Garcia Abril, Rossini, Stravinski etc

Actualmente, o coro está integrado por máis de oitenta voces procedentes de toda Galicia e polo seu director artístico desde esta tempada 22/23, Carlos Mena, e o seu director musical Javier Fajardo.

Mentres tanto, as formacións infantís da Orquestra Sinfónica de Galicia ultiman as súas próximas actuacións a principios de abril no Teatro Colón e para as que xa están á venda as localidades, con prezos a partir de cinco euros.

O día 1 de abril será a quenda do Coro Infantil e o Coro Xove da OSG, co seu concerto de primavera e o 2 de abril será a Orquestra Infantil da Sinfónica a que ofrecerá o seu concerto
Do Barroco ás Estrelas. Ambas as actuacións serán ás 19.00 horas.

O Coro infantil da OSG fixo a súa presentación musical, a principios do ano 2000, interpretando a “Sinfonía nº 3” de Gustav Mahler xunto coa súa Orquestra e baixo a dirección de Víctor Pablo. Desde entón actuaron en varias ocasións coa Orquestra Sinfónica de Galicia, interpretando obras de Mahler, Orff, Shostakovich, Fauré e en óperas como “Werther” e “Turandot” e colaborando, entre outros, con Emilio Aragón. Tamén ofreceron concertos a capella na Coruña e en varias localidades da comunidade galega, así como en León.

Formado por uns 35 nenos e nenas de entre 10 e 14 anos, está dirixido desde a súa creación por José Luis Vázquez, e naceu coa intención de constituír un verdadeiro centro de canto coral, para a formación de novas voces. Posteriormente, poderán formar parte do Coro Xove e do Coro da OSG.

O Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia, presentado ao público en xuño de 2005, supón a posta en marcha do último dos proxectos vocais de Son Futuro, tras a consolidación do Coro e dos Nenos Cantores da OSG. Desde entón participou en varios proxectos coa Sinfónica de Galicia, entre os que destacan “Carmina Burana” de Orff, “A taberneira do porto” de Sorozábal, a estrea de “Troula” de Juan Durán ou a “Sinfonía nº2” de Mahler. En varias ocasións o coro foi convidado ao Mesías Participativo da Caixa.

Ademais de colaborar nos concertos co Coro e a Orquestra Sinfónica, ofrece con regularidade concertos en solitario en diferentes localidades galegas como Rianxo, Ferrol, Monforte, Betanzos ou Santiago. Desde o 2015 actúa nas Festas de María Pita xunto a unha banda de rock en concertos multitudinarios. En 2017 cantou no Día das Letras Galegas xunto a Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave. O Coro Xove, formado por 35 mozos de entre 13 e 21 anos, representa o ponte coral entre o Coro de Nenos e o Coro de adultos da OSG. Desde a súa creación foron os seus directores Daniel García Artés, José Antonio García Mato, Fernado López Briones e José Ramón Rodríguez Casteláns. Na actualidade, exerce os labores de dirección musical Daniel García Artés, sendo Carlos Mena o director artístico.