Tan só 8 municipios en toda España levan 36 anos consecutivos recibindo a bandeira azul, 7 de Valencia e Oleiros. Por este motivo, o organismo europeo ADEAC concedeu unha distinción especial ao Concello nun acto celebrado esta mañá en Cullera.
O alcalde, Ángel García Seoane, e a primeira tenente de alcalde, María José Varela Neira, recolleron o premio que acredita a praia de Bastiagueiro como unha das únicas 8 de toda España que leva recibido a Bandeira azul ininterrompidamente desde o 1987. O rigoroso traballo realizado polo Goberno municipal desde o inicio da democracia en canto á conservación do litoral, protección do medio ambiente e ordenación das praias e dos seus contornos posibilita a consecución deste destacado recoñecemento.
Bastiagueiro, igual que os outros areais do municipio, dispón dunha calidade de auga excelente para o baño e de todos os servizos necesarios para gozar dos areais con seguridade. Rodeada de parques e numerosos equipamentos públicos é un lugar marabilloso para a convivencia, o ocio e o deporte durante todo o ano.