Friday 22 de November de 2024

As obras de mellora da seguridade viaria na ponte Ceilán estarán rematadas nos próximos días


Santiago Freire apunta que “só resta a instalación das novas luminarias na ponte para rematar un proxecto moi necesario para garantir a seguridade da veciñanza”

As obras mellora da seguridade viaria na Ponte Ceilán, na AC-550 ao seu paso polos concellos de Noia e Outes, están a piques de rematar. O alcalde de Noia, Santiago Freire, sinala que “nestes días estanse a instalar as novas luminarias LED no lado correspondente a Noia, polo que agardamos que nos próximos días poidan entrar en servizo e dar así resposta a unha demanda da veciñanza, que verá incrementada de forma moi significativa a seguridade viaria na zona”.

Esta mellora da seguridade viaria na ponte sobre o Tambre unirase “ás xa realizadas coa instalación das luminarias na glorieta de Orro, que dá acceso á variante de Noia e á Autovía Santiago-Noia”, apunta Santiago Freire, quen agradece. Unhas obras que están a ser executadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que inviste case 446.000 euros, e que despois serán recibidas polos Concellos de Noia e Outes, entidades que se encargarán do seu posterior mantemento.

Ademais da optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante o cambio do alumeado previo por un novo con tecnoloxía LED, os traballos incluíron tamén a substitución das varandas de ambas as dúas marxes da ponte, que se atopaban deterioradas. Estes traballos iniciáronse coa retirada dos restos de musgo e plantas existentes nos bordos exteriores do taboleiro mediante auga a presión. Despois retiráronse as varandas e aplicouse morteiro para tapar os ocos e aplicarlle un tratamento de impermeabilización previos á instalación de novas varandas de aceiro galvanizado. Máis de 1.100 metros de varanda renovada para cubrir os 535 metros do viaduto en tramos de 6 metros, que chegaron prefabricados e pintados do taller para así facilitar a súa instalación.

O alcalde noiés agradece “a paciencia dos veciños e veciñas, sobre todo polos cortes de tráfico precisos para o desenvolvemento dos traballos nestes últimos meses” pero se amosa convencido de que esta actuación “permitirán aos viandantes transitar pola Ponte Ceilán con moita máis seguridade ao tempo que contribuirán a embelecer a contorna”.