Friday 22 de November de 2024

Cabanas avanza na creación dunha comunidade enerxética local en Laraxe


A asemblea veciñal acordou por unanimidade poñer en marcha a comunidade enerxética local impulsada polo Concello en Laraxe

O Concello de Cabanas, a través da área de medio ambiente, informou esta mañá dos avances para a creación dunha Comunidade Enerxética Local na parroquia de Laraxe.

No pasado mes de xaneiro púñase en marcha o proceso cunha asemblea para avaliar o interese na creación dunha Comunidade Enerxética Local na parroquia de Laraxe. Despois desta asemblea, levouse a cabo unha recollida de datos entre as 28 familias inicialmente interesadas, para avaliar a viabilidade deste proxecto.

Da análise dos datos a través das facturas e consumos destas familias, estímase necesario implementar para a Comunidade Enerxética Local unha instalación de 55 kW, cun investimento necesario calculado nuns 56.000 €. O aforro estimado unha vez implementada a Comunidade sería dunha media do 35% para cada familia respecto á situación actual.

Esta semana celebrouse unha nova asemblea veciñal, na que as familias interesadas aprobaron por unanimidade traballar para a posta en marcha da Comunidade Enerxética Local, para o que optaron por comezar os trámites para constituírse como asociación.

O tenente alcalde de Cabanas e responsábel da área de medio ambiente, Iago Varela, amosou a súa satisfacción polos avances na posta en marcha desta Comunidade Enerxética Local, que “ademais do aforro, permite crear un modelo enerxético máis social e máis sostíbel”, e avanzou que o Concello continuará a tomar parte activa no proceso de constitución da Comunidade Enerxética Local. Os seguintes pasos consistirán no deseño dos primeiros proxectos de xeración de enerxía.