Presentará o seu primeiro álbum só para piano, ‘Underwater’. As entradas á venda o próximo martes
O pianista e compositor italiano Ludovico Einaudi ofrecerá un concerto o día 24 de xullo no Coliseum da Coruña. Presentará o seu álbum ‘Underwater’, o seu primeiro traballo só para piano, creado no ano 2020 durante o confinamento. As entradas para o concerto, que conta co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, sairán á venda o próximo martes día 28 ás 12.00 horas a través de www.ataquilla.com e o despacho de billetes da praza de Ourense (de luns a venres de 11.00 h a 15.00 h e de 16.30 h a 19.30 h).
Aínda que no disco Ludovico Einaudi e o piano sexan os únicos protagonistas, na xira de presentación deste novo traballo o italiano estará acompañado en escena dun exquisito trío de músicos: Federico Mecozzi (violín), Redi Hasa (violoncello), Francesco Arcuri (electrónica e percusión). En palabras do artista, “a música deste disco chegou de xeito natural, máis ca nunca. Sentín unha sensación de liberdade ao abandonarme e deixar que a música fluíse de maneira diferente. O título ‘Underwater’ é unha metáfora, é unha expresión dunha dimensión moi fluída, sen interferencias do exterior”. O novo traballo discográfico vén tras un ano realmente emocionante para Einaudi: os filmes ‘Nomadland’ e ‘The father’, foron galardoados ao máis alto nivel en premios tan importantes como os Oscar, os Bafta ou os Globos de Ouro.
Ademais, lanzou o álbum compilatorio ‘Cinema’ que inclúe moitas das súas composicións para cinema e televisión, e tamén unha miniserie de podcast denominada ‘Experience: The Ludovico Einaudi Story’, que conta coa participación de célebres cineastas e intérpretes como Russel Crowe (‘Gladiator’), Chloe Zhao (directora de ‘Nomadland’), o galardoado Florian por ‘The Father’, Shane Meadows (‘This is England’) ou Eric Toledano (‘The Intouchables’).