A alcaldesa participou no acto de apertura da mostra ‘Picasso branco no recordo azul’, no Museo de Belas Artes
O Concello organiza máis de 30 actividades dentro do programa de ‘Celebración Picasso. 1973-2023’, que conmemora os 50 anos do pasamento do artista
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta tarde no acto de apertura da mostra ‘Picasso branco no recordo azul’ no Museo de Belas Artes. A exposición ofrece máis de medio cento de obras que reflicten os diferentes períodos artísticos de Pablo Picasso e o seu vínculo coa súa estadía na cidade durante a súa infancia.
“Todas aquelas persoas que visiten esta magnífica exposición sairán convencidas de que sen
A Coruña non se pode entender plenamente a Picasso”, sinalou Inés Rey. A alcaldesa estivoacompañada, entre diferentes autoridades, polo ministro de Cultura e Deportes, Miquel Iceta, e polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
“Na Coruña foi onde Picasso comezou a expresarse como artista, onde aprendeu técnicas, pero, sobre todo, foi onde pisou a rúa, onde exercitou a ollada, onde abriu a mente á vida en toda a súa plenitude, onde se nutriu das ferramentas do xenio”, explicou Inés Rey durante a súa intervención. A mostra estará dispoñible ata o 25 de xuño.
‘Celebración Picasso. 1973-2023’
O Concello ofrece unha ampla programación para a ‘Celebración Picasso 1973-2023’, queconmemora o 50 aniversario do falecemento do artista. Durante todo o ano haberá máis de 30 actividades en diferentes espazos de titularidade municipal.
A programación está formada por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, que se desenvolverán ata decembro na cidade. O Quiosco Alfonso, a principal sala de exposicións da cidade, será unha das sedes desta homenaxe coa mostra
‘En pretérito seguinte’, na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe. A mostra está comisariada por Manuel Suárez e conta con obras de Correa Corredoira, Lara Pintos, Manuel Suárez, Mico Rabuñal, Pical Cancio, Samuel Castro e poemas de Yolanda Castaño. A súa apertura será o xoves 30 de marzo.
Outro dos escenarios centrais é a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí terán lugar tres actividades repartidas ao longo do ano. Por unha banda, a exposición ‘Abrindo a nosa colección’, que amosa documentos e obras que forman parte da colección, arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa. A partir do 28 de abril e no contexto da programación do Encontro Mundial de Humoristas 2023, levarase a cabo a mostra ‘O Guernika, unha viñeta universal – Humor na escuridade’. Por último, a exposición ‘A miña casa’ estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña
Gráfica rendéndolle homenaxe a Pablo Picasso. Ademais, na Casa Museo estase a desenvolver un importante labor divulgativo da figura de Pablo Picasso entre a mocidade, con visitas guiadas e actividades durante todo o ano.
Por outra banda, a Fundación Luís Seoane realiza dúas importantes actividades do programa.
En setembro, o terceiro Congreso Internacional de Arte e Educación centrará a súa edición deste ano no artista. Entre outras cuestións, analizaranse os eixes temáticos que o vinculan á arte española e as ferramentas da súa creación que son útiles para a educación artística.
Están en marcha tamén na Luís Seoane o ciclo de conferencias ‘Protagonistas’, no que se fala de musas, amantes, modelos e investigadoras arredor do universo de Picasso. Trátase dunha sesión ao mes de febreiro a outubro e o seu obxectivo é amosar o papel fundamental da muller na obra do artista.
Outra exposición en homenaxe a Picasso será ‘O vento comezou de novo. O mundo de PabloRuiz contado por Villalobo’, de abril a maio en Palexco, do artista cubano Nelson Villalobo. A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a ‘Torre de Caramelo’, denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules.