Saturday 16 de November de 2024

A Laracha acollerá cursos gratuítos de competencias dixitais para mulleres desempregadas


As inscricións deben formalizarse no Centro de Información ás Mulleres.

A Casa da Cultura da Laracha acollerá o próximo día 30 de marzo a partir das 11:00 horas a xornada de presentación dos cursos gratuítos en competencias dixitais para mulleres en situación de desemprego.

A sesión servirá para explicar en que consiste o programa e coñecer o nivel das participantes para determinar que tipo de cursos formativos se van realizar na Laracha entre as tres opcións existentes:
• Curso de competencias dixitais básicas, que sirva para aproveitar as posibilidades que ten o acceso á información, a creación de contidos, o uso das tecnoloxías para a comunicación e a resolución de problemas básicos.

• Curso de competencias dixitais básicas para o emprendemento, enfocado ao e-commerce e redes sociais para facer compras e búsquedas con seguridade e crear o propio perfil dixital profesional.

• Curso de competencias dixitais avanzadas, unha formación destinada a entender a complexidade das tecnoloxías dixitais e aproveitar a súa riqueza no día a día.

Todos os cursos teñen unha duración de 45 horas, impartiranse entre os meses de abril e maio e están homologados a través dos certificados emitidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Aquelas mulleres de idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos, inscritas como demandantes de emprego na súa oficina de emprego de referencia e que desexen participar neste programa formativo deben formalizar a inscrición dirixíndose ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no edificio administrativo da Laracha, ou chamando ao 981605001. A documentación requirida é unha foto do DNI ou NIE polas dúas caras, unha foto da demanda de emprego e a realización do test para saber os seus coñecementos no mundo dixital.

As mulleres que se sumen á iniciativa, e tendo en conta as posibles dificultades de acceso a equipos tecnolóxicos, recibirán unha tablet para emprego persoal coa que poderán quedar ao rematar o acción formativa.

O Concello da Laracha leva a cabo esta proposta coa fin de reducir a brecha dixital e mellorar as capacidades das mulleres en situación de desemprego. Farase en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e do Ministerio de Trabajo y Economía Social, e co financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.