Nesta nova infraestrutura deportiva foron investidos 155.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.
O parque de patinaxe Skatepark creado polo Concello na parte traseira do IES Agra de Leborís xa está dispoñible para o uso e desfrute da cidadanía. Unha vez finalizada a execución do proxecto, no día de hoxe procedeuse á recepción das obras desta nova infraestrutura deportiva municipal e á posterior apertura ao público a cargo do alcalde, José Manuel López Varela, que estivo acompañado polo concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, a edil de Deportes, Patricia Bello, e o director da obra.
O Skatepark da Laracha dispón de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer aos usuarios un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. Tamén conta cunha fonte de auga potable, iluminación en báculos e proxectores simétricos LED.
O investimento para a execución deste proxecto alcanzou ou 155.000 euros financiados integramente con fondos propios municipais coa fin de aumentar os equipamentos deportivos e ofrecer unha nova opción para potenciar os estilos de vida saudables especialmente entre o público adolescente e xuvenil.
O Concello esta a converter este espazo na parte traseira do IES Agra de Leborís nunha zona deportiva de referencia na capital municipal para a práctica libre de diversidade de disciplinas. Ademais do parque de patinaxe, tamén hai dispoñibles dúas pistas polideportivas, e nestes momentos está en execución outro proxecto valorado en 177.000 euros que contempla a creación dun circuíto de calistenia e dunha ampla zona axardinada, ademais da ampliación da beirarrúa.