A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou a apertura, hoxe do prazo de inscrición en dous cursos na Aula Cemit: “Competencias dixitais en ofimática” e “Contabilidade e RRHH” son as dúas propostas que se impartirán na Aula Cemit de Xuvia dende o 10 de abril ata o 30 de xuño deste ano e cunha oferta de doce prazas para cada un deles.
O curso sobre “Competencias dixitais en ofimática” impartirase en horario de mañá, de 9.30 a 13.30 horas e consta dun total de 232 horas. O alumnado abordará contidos como: sistemas operativos, recuperación de información: Internet, intranet e correo electrónico e aplicacións informáticas de procesamento de texto (LibreOffice Writer), de base de datos (LibreOffice Base), para presentación (LibreOffice Impress) e de folla de cálculo (LibreOffice Calc) e outras aplicacións complementarias (Calc, Writer e Canva). As persoas interesadas en anotarse poden facelo a través do enlace: https://cemit.xunta.gal/es/formacion/formacion-presencial/41641.
A outra das formacións para as que se abre o prazo de inscrición hoxe, de “Contabilidade e RRHH”, tamén de 232 horas, terá lugar en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Os contidos relacionados co apartado de contabilidade serán sobre documentos administrativos de compravenda, facturación, sistemas de información contable, contas anuais, plan xeral contable, contabilización por partida dobre, facturación e contabilidade informatizada e aplicacións informáticas de facturación e contabilidade. En canto á modalidade de Recursos Humanos, o alumnado abordará temas como a definición do posto de traballo e dos perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, seguridade social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios e de cotizacións e aplicacións informáticas de recursos humáns. Para anotarse neste curso hai que facelo a través do enlace: https://cemit.xunta.gal/es/formacion/formacion-presencial/41642.