O presidente do Goberno galego defende o enorme valor da política local e o desinteresado labor dos que a levan a cabo que non buscan máis galardón que a satisfacción dos seus veciños
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou na clausura da Asamblea da Fegamp a importancia da cooperación entre administracións como base da recuperación que xa se sente en Galicia e como motor de crecemento no futuro.
O presidente da Xunta defendeu na súa intervención o enorme valor da política local e o desinteresado labor dos que a levan a cabo que non buscan máis galardón que a satisfacción dos seus veciños. Entre eles, o presidente destacou o labor dos integrantes da executiva e a súa capacidade para aglutinar os desexos dos concellos galegos e para actuar como unha única voz en defensa do municipalismo galego.
Feijóo resaltou a eficiencia e a responsabilidade coas que as nosas entidades locais actuaron na xestión dos recursos, que estableceron “as prioridades correctas” e colaboraron entre si e con outras administracións para falar “cunha voz única que defendese os seus intereses, e esa voz non é outra que a da Fegamp”.
Este diálogo fluído entre administracións deu os seus froitos como o Pacto Local, “exemplo dos beneficios que pode achegar a cooperación, e que debe servirnos de guía para os retos que temos por diante”. Entre estes retos atópase o da aplicación da Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local, ou o novo marco financeiro das facendas locais e autonómicas.
O último dos retos que mencionou o mandatario galego foi a clarificación do papel das deputacións no novo mapa de competencias, “sobre todo no seu labor de apoio aos pequenos concellos e a aqueles con menos recursos”.
Para a consecución destes desafíos que se presentan, Feijóo considerou clave a cooperación entre as administracións, que xa ten dado bos resultados como no caso das emerxencias, cos bombeiros comarcais e cos Grupos de Emerxencia Municipal, e como co protocolo de colaboración coas deputacións.
Para concluír, o presidente da Xunta quixo resaltar a lealdade e a cooperación institucional que guiou sempre a relación entre a Xunta e a Fegamp e desexou que así sexa co novo equipo executivo, con Alfredo García á fronte, co que haberá de afrontar a nova realidade do municipalismo nestes tempos nos que “cambiou a demografía, cambiaron as infraestruturas, cambiaron os medios tecnolóxicos cos que a xente se relaciona”, rematou.