Saturday 16 de November de 2024

Dobre oferta teatral esta fin de semana con ‘Alma de tigre’, no Teatro Rosalía de Castro, e ‘A nena das trenzas ao revés’, no Fórum Metropolitano


A producción de Elefante Elegante, coa dirección de Gonçalo Guerreiro, contará con funcións o venres e sábado no contexto do Ciclo Principal do Rosalía de Castro

El Callejón del Gato presenta no Fórum Metropolitano unha obra recoñecida cos premios FETEN á mellor adaptación escénica e o Premio Territorio Violeta, Artes Escénicas e Igualdade

A oferta teatral do Concello da Coruña para esta fin de semana inclúe dúas novas obras que dan continuidade ao Ciclo Principal de Primavera do Teatro Rosalía de Castro, con ‘Alma de tigre’, e o ciclo Todo Público, con ‘La niña de las trenzas al revés’, no Fórum Metropolitano.

O venres 24 e o sábado 25 haberá dúas funcións correspondentes ao Ciclo Principal de Primavera do Teatro Rosalía de Castro. Nesta ocasión, o público poderá gozar de ‘Alma de tigre’, unha produción de Elefante Elegante dirixida por Gonçalo Guerreiro e con María Torres, Julia Laport, Pablo Sánchez e Mario Rodríguez como intérpretes. A cita será ás 20.30 horas ambos os dous días.

Trátase dunha fantasía revelada a partir da historia real de dúas irmás e un irmán na que se fala sobre a memoria, os afectos e os conflitos arredor dunha herdanza familiar, o que permite dar corpo a unha creación orixinal que transita entre as artes visuais, a danza e o cinema mudo. Deste xeito, a través da relación da música co movemento e cos elementos da escenografía, vanse revelando todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica da narrativa teatral.

O Ciclo Principal de Primavera do Teatro Rosalía de Castro está conformado por catorce obras, cunha programación moi variada e de moi alta calidade, na que destaca a presenza de actores como Eduard Fernández, Miguel Ángel Solá, Carlos Blanco ou Natalia Verbeke, ademais de directores como Pablo Messiez, Lluís Homar, Claudio Tolcachir e Andrés Lima.

Das catorce obras, dez son funcións dobres e catro son simples, cunha gran variedade que permite contar con propostas clásicas e contemporáneas, a existencia de comedia e drama, así como claros posicionamentos contra o acoso ás mulleres.

A programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro conta coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Teatro de monicreques no Fórum Metropolitano

Ademais, este sábado 25, ás 18.00 horas, volve o ciclo Todo Público ao Fórum Metropolitano. Será coa obra ‘La niña de las trenzas al revés’, unha peza de teatro de monicreques, obxectos e proxeccións que conta con varios premios, como o Premio FETEN 2021 á Mellor Adaptación Escénica e o Premio Territorio Violeta, Artes Escénicas e Igualdade.

Producida por El Callejón del Gato, está interpretada e dirixida por Ana Eva Guerra e Moisés González. Trátase dun espectáculo centrado sobre como comunicarse e comprender outras formas de ver a vida, contando e mesturando, para iso, as historias de Thana, que vive en Mali, e Dana, que reside en Asturias.

Todo Público é un ciclo de artes escénicas orientado ao público familiar, que cumpriu xa 35 anos de existencia. Esta primavera ofértanse oito espectáculos para nenos e nenas de 3 a 12 anos, espectáculos de contidos, estéticas e técnicas variadas, que van desde o teatro de máscaras ao teatro con música en directo e monicreques. A programación do ciclo complétase cunha oferta educativa dirixida ao público escolar de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, en horario lectivo.