O evento celébrase durante todo o día no Pavillón Municipal da Xunqueira, en San Valentín
Fene será o sábado a capital indiscutible do encaixe. Unha arte tradicional que goza dunha saúde estupenda en toda Galicia, tal e como testemuña o alto número de inscricións rexistradas para a Xuntanza de Palilleiras que se celebrará durante toda a xornada no Pavillón da Xunqueira. No espazo reuniranse desde as 10:30h un total de 430 persoas para compartir tempo de aprendizaxe e mostraren a súa habilidade cos bolillos e o fío, de onde saen obras primorosas por si mesmas ou como remate exquisito de pezas de roupa -camisas, saias, chaquetas etc.-, pero tamén de panos, manteis, sabas e outros enxovais. O evento regresa despois de tres anos de parón pandémico cunha elevada participación de artesás e artesáns pertencentes a 52 escolas de toda Galicia, ademais de contar coa presenza dunha vintena de postos relacionados co mundo do tecido.
A Concelleira de Promoción económica e Turismo, Ángeles Coira, destacou o “éxito” da convocatoria, que foi capaz de “volver concitar o interese da maioría de agrupacións de Galicia que traballan na preservación e modernización desta arte tradicional que mesmo atopou o seu oco no mundo da alta costura”.
Coira mostrouse confiada en que a cita volva ser tamén un éxito en canto á asistencia de público, a pesar da incerteza sobre o tempo que se agarda para a fin de semana. “O pavillón estará cheo de actividade durante case todo o día e agardamos que se achegue moita xente de toda a comarca, tanto afeccionada como sen vinculación dos bolillos. Ver as palilleiras en acción é todo un espectáculo pola velocidade á que traballan e polos labores tan complexos e detallados que son capaces de facer”, apunta a concelleira.
O evento comezará ás 10:30h coa recepción de participantes, inaugurarase oficialmente ás 11:30h e logo continuará até as 19:00h cunha pequena pausa para xantar. Nel participarán 430 palilleiras e palilleiros de 52 escolas e agrupacións de toda Galicia dirixidas por 43 mestras.
Ademais de ser unha cita para todo o relacionado co fío e os palillos, o encontro tamén se converteu nunha xornada que contará con 20 postos de artesanía téxtil -algúns deles procedentes de Madrid ou Cantabria- e provedores especializados en materiais para facer encaixe, bordado, calceta, patchwork e outras técnicas relacionadas co tecido.
Por outra banda, ao longo da xornada tamén se farán dous sorteos de agasallos e está previsto que a agrupación de gaitas de Airiños de Fene ofreza un pasarrúas polo interior e o exterior do pavillón durante a mañá.
A Xuntanza de Palilleiras de Fene comezou en 1996 como un encontro a través do que promocionar as posibilidades do bolillo como actividade de lecer e como oportunidade de emprego. Desde aquela só se viu interrompida nos anos 2020, 2021 e 2022 por causa da pandemia. A cita retorna este ano “con folgos recuperados” e co obxectivo de “seguir sendo escaparate dun oficio tradicional con grandes posibilidades de futuro”, conclúe Ángeles Coira.
A xuntanza está organizada polo Concello coa colaboración da AVV San Xurxo de Magalofes, do CPS de San Valentín, da SCRD Agarimo de Sillobre, da Liga de Amigos de Barallobre e da asociación veciñal de Limodre.