— O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) acollerá este evento ata o sábado
— Contará con mesas redondas, conferencias, concertos, monólogos de humor e obradoiros
A Xunta de Galicia inaugurou hoxe o congreso Mo_Cidade, cun amplo programa de actividades dirixido ao persoal técnico, con xornadas de traballo específicas o xoves e venres; e á xuventude galega, con programación propia o venres pola tarde e o sábado todo o día. O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) será o escenario ata o vindeiro sábado día 25 de charlas sobre o mundo gaming ou o emprendemento, talleres formativos e actuacións musicais, entre outras actividades.
Esta mañá, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, moderou a primeira mesa redonda do congreso que xirou ao redor da importancia do sector do ocio educativo e do tempo libre.
Desde as 10 da mañá haber un amplo programa de actividades 100% gratuítas, como charlas de profesionais, obradoiros, formacións, espazos de networking e actuacións musicais, entre outras. No día de hoxe, pechará a xornada o humorista galego Pablo Meixe.
Nos vindeiros días participarán nas conferencias o mánager do artista C Tangana, Íñigo Elósegui; a tiktoker Carla Gabián; a cofundadora de Lázzaro e unha das integrantes na lista Forbes menores de 30 anos, Carlota Corzo; ou o director deportivo do equipo de gaming KOI, David Sabater.
Mo_cidade
Mo_Cidade foi posto en marcha por primeira vez no 2019 como un espazo referente para os intereses da xuventude galega. Durante as súas xornadas teñen lugar diferentes actividades que procura darlle protagonismo á xente nova e aos ámbitos do seu interese como pode ser a cultura urbana, as novas tecnoloxías, o mundo dos videoxogos, a música, o emprendemento e o acceso ao mercado laboral. En definitiva, unha cita de ocio na que se conxuga e se pon en valor o talento da xuventude e o seu papel na sociedade.