Friday 22 de November de 2024

Carballo súmase á Hora do Planeta cun apagamento simbólico do alumeado público da Praza do Concello


Ao igual que en edicións anteriores, o Concello de Carballo sumarase este sábado 25 á Hora do Planeta, unha iniciativa da ONG de protección da natureza WWF coa que se pretende demostrar que xa non hai volta atrás e que todas e todos somos parte da solución ao cambio climático. O lema deste ano é Apaga a luz. Dálle unha volta ao planeta.

Desde o Concello de Carballo queremos reiterar o noso compromiso coa estratexia 2030, e con esa intención procederemos ao apagamento simbólico da iluminación da Praza do Concello e das rúas da contorna de 20:30 a 21:30 horas. Convidamos á veciñanza a que reforce esta iniciativa apagando as luces dos seus fogares e/ou negocios durante unha hora, un pequeno xesto que o noso planeta ben merece.

Dende a entidade organizadora da Hora do Planeta faise fincapé en que “a natureza é o sistema de soporte vital do planeta”, e que coa COVID-19 vimos de comprobar a súa importancia para o noso futuro. “A ciencia é clara. Esta década debe ser o punto de inflexión onde recoñezamos o valor da natureza e prioricemos a súa recuperación xunto á do noso clima. Cada vez hai máis secas, inundacións, incendios forestais ou pandemias que degradan o noso planeta e a nosa calidade de vida. Sabemos que os vindeiros sete anos son cruciais”, apunta.

Aforrar enerxía, substituír os combustibles fósiles, actuar dende os gobernos pero tamén de xeito individual e construír un futuro con natureza positiva e neutra en carbono son obxectivos sobre os que pretende mentalizarnos a Hora do Planeta. Únete ti tamén!