Friday 22 de November de 2024

Iván Roca Cruz, actual portavoz do BNG no Pleno, será o candidato para as vindeiras eleccións municipais


Iván Roca Cruz é veciño de Dexo e xurista de Institucións Penitenciarias no centro de Teixeiro. Leva máis de vinte anos afiliado ao BNG e é membro da Irmandade Xurídica Galega, CIG e Santa Cruz Aberta ao Mar. É o portavoz municipal do BNG desde o pasado xaneiro, en substitución de Xurxo Martínez Caño, que tivo que deixar esta responsabilidade por motivos laborais.

O obxectivo da súa candidatura é continuar coa liña de traballo construtivo e obxectivo a favor dun concello de Oleiros transparente e dialogante. Todo o equipo que o acompaña traballará para que o BNG sexa decisivo en Oleiros e construírmos un concello solvente, transformador, capaz de xestionar para a maioría, cunha clara aposta polos servizos públicos e o transporte colectivo e de proximidade, baixo un proxecto estratéxico orientado a mellorar a vida das persoas, verde, feminista, participativo, que pule polo comercio local, habitábel, feito para a veciñanza e implicado no desenvolvemento harmónico de toda a comarca.

O BNG de Oleiros presentará a súa candidatura o próximo día 1 no Hotel As Galeras, acompañado de varios membros da listaxe e de Mercedes Queixas, deputada no Parlamento Galego.