Saturday 16 de November de 2024

Publicada a guía para fomentar un uso inclusivo e non sexista da linguaxe


No marco do II Plan de Igualdade, o Concello acaba de publicar a Guía para un uso inclusivo e non sexista da linguaxe. Con esta publicación búscase frear a transmisión de estereotipos e prexuízos sexistas a través da linguaxe e, con isto, as desigualdades e violencias que sobre eles se constrúen. Para contribuír á loita social en prol da igualdade entre mulleres e homes, é necesario derribar os imaxinarios estereotipados, os roles e mandatos de xénero que a través da linguaxe se transmite.

Esta Guía para un uso inclusivo e non sexista da linguaxe sinala, dunha forma práctica e sinxela, o sexismo cotiá que adoitamos empregar na linguaxe, e proporciona alternativas inclusivas e non sexistas. Ademais vai máis alá da linguaxe escrita e abrangue imaxes, fotografías, vídeos… sinalando as dinámicas que lexitiman o trato diferencial -e, polo tanto, desigual e discriminatorio- entre mulleres e homes, coa finalidade de ser quen de detectalas e corrixilas.

Todas aquelas persoas interesadas en dispoñer desta publicación poden solicitala na Casa do Concello. Tamén se poderá consultar nas bibliotecas municipais e na web municipal en formato PDF. Ademais entregaranse exemplares nos centros de ensino, entidades sociais, culturais e deportivas, asociacións veciñais, Casas do pobo, Casas da mocidade, os centros de saúde,…