O Goberno galego concede axudas por valor de 3,5 millóns de euros a entidades locais e do terceiro sector para o desenvolvemento de programas específicos dirixidos a aumentar a participación social e laboral destas persoas
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe o traballo que realizan as entidades do terceiro sector coa poboación inmigrante no acompañamento e capacitación de cara ao seu acceso ao mercado laboral. Díxoo no acto inaugural da xornada sobre a diversidade cultural nas empresas organizada pola ONG SenValos no campus da IFFE Business School.
Na súa intervención, Arturo Parrado salientou o feito de que cada vez son máis as empresas que exercen a súa responsabilidade social e incorporan no seu cadro de persoal a persoas de diferentes capacidades, culturas e procedencia. Ao respecto, afirmou que o acceso ao emprego é un dos principais factores de inclusión das persoas inmigrantes, non soamente porque lles permite cubrir as súas necesidades materiais, senón tamén porque supón unha ferramenta importante para que se sintan parte da sociedade.
O director xeral explicou que a Xunta de Galicia apoia a estas persoas a través da concesión de axudas por valor de 3,5 millóns de euros ao ano a distintas entidades locais e do terceiro sector. Con estes fondos, estas entidades desenvolven programas específicos dirixidos a aumentar a súa participación social e laboral.
Itinerarios formativos e asesoramento
Estes programas teñen como eixos de actuación a elaboración de itinerarios personalizados; así como o acceso a cursos de formación en idiomas, competencias dixitais ou valores. Así mesmo, facilítaselles asesoramento xurídico en materia de estranxeiría, reforzo socioeducativo para os menores e mediación social e intercultural.
Por último, Arturo Parrado apuntou que as empresas tamén se benefician da incorporación destas persoas ao mercado laboral, xa que a diversidade cultural engade valor ás mesmas e se incrementan as posibilidades de captar talento. Neste sentido, resaltou a importancia de xornadas como esta de SenValos para intercambiar boas prácticas e compartir experiencias que axuden ás empresas neste proceso.