Friday 22 de November de 2024

Frades crea un servizo gratuíto de estimulación cognitiva a domicilio para persoas con demencia ou enfermidades neurodexenerativas


A iniciativa únese ás creadas en 2022 de préstamo de axudas técnicas para a mobilidade e bono-taxi para desprazamentos médicos, así como as tradicionais de podoloxía, fisioterapia ou perruquería a domicilio

 

O Concello de Frades vén de poñer en marcha un servizo gratuíto de estimulación cognitiva a domicilio dirixido a persoas con diagnóstico de demencia ou enfermidade neurodexenerativa en grao leve ou moderado. “Este servizo nace coa finalidade de manter e mellorar o nivel de autonomía persoal dos beneficiarios e para apoiar ás familias coidadoras”, explica o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, quen indica que “con este servizo o Concello de Frades continúa apoiando ás familias e ás persoas que desexen permanecer no seu entorno habitual”.

 

Grazas a este servizo de Estimulación cognitiva no fogar, un profesional especializado realizará no domicilio da persoa beneficiaria unha terapia individualizada e adaptada á situación persoal de cada beneficiario para estimular diferentes capacidades cognitivas: memoria, atención, linguaxe, concentración, cálculo… “O obxectivo é que grazas a este servizo consigamos mellorar a calidade de vida do usuario e dos seus coidadores e aumentar a autonomía persoal e a autoestima do usuario, ralentizando o proceso de deterioro e creando un ambiente rico en estímulos para persoas que non poden ou non queiran asistir a grupos presenciais de forma habitual”, apunta Ferreiro Marzoa.

 

Solicitudes, todo o ano

 

O servizo “Estimulación cognitiva no fogar” xa está dispoñible para a veciñanza de Frades, logo da súa publicación no BOP. As solicitudes, cuxa convocatoria estará aberta durante todo o ano, deberán dirixirse aos Servizos Sociais municipais, que elaborarán un informe no que se recollerá a proposta de concesión ou non desta axuda, xa que está pensada especialmente para familias con ingresos baixos. Así, o Concello de Frades prestará este servizo de xeito gratuíto a aquelas familias cuxos ingresos per cápita sexan inferiores ao 80% do IPREM, establecendo un escalado de achegas económicas por parte das familias no caso de seren aceptadas outras solicitudes con maiores ingresos.

 

Para acceder a este servizo será preciso estar empadroado en Frades cunha antigüidade mínima de 6 meses e presentar ese certificado de empadroamento, DNI de todos os membros da unidade familiar, xustificante de ingresos económicos e informe médico. Para establecer as admisións, os Servizos Sociais municipais valorarán especialmente este informe médico e a capacidade económica da familia. Máis información e dúbidas nos Servizos Sociais do Concello de Frades (981 695 567).

 

Outros servizos

 

A “Estimulación cognitiva no fogar” únese así aos servizos de axuda no fogar, teleasistencia, podoloxía, fisioterapia ou perruquería a domicilio que xa oferta o Concello de Frades, que o ano pasado incrementou este listado con dúas novas iniciativas: préstamo de axudas técnicas para a mobilidade, dirixido a persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e uns ingresos inferiores ao 150% do IPREM, e bono-taxi para desprazar gratuitamente a centros sanitarios do Sergas a persoas de máis de 65 anos ou cunha discapacidade recoñecida igual ou superior do 65%.

 

“Nestes momentos contamos con media ducia de veciños que se benefician dos préstamos de axudas técnicas como camas articuladas, cadeiras de rodas, andadores ou guindastres para levantar ou pousar ás persoas, que achegamos a través da Farmacia Ortopedia Pájaro Lago de Ordes, e outras sete persoas que fan uso do bono-taxi, grazas ao convenio de colaboración que asinamos co taxista local Juan Carlos Andrade Gómez e que achega a estas persoas ás súas citas médicas programadas en centros sanitarios do Sergas dentro da provincia”, apunta Manuel Ferreiro.