O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza a presentación desta curtametraxe (xoves 23, ás 20.30 horas), que será de acceso libre ata completar a capacidade do auditorio
Este xoves 23 de marzo, ás 20.30 horas, o auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá a estrea do documental ‘Cardoña. Fotos a 7 pesetas’, a cargo do seu director, Carlos Lorenzo. Na presentación, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, tamén terán protagonismo o equipo e participantes na película. Ademais, haberá un coloquio posterior co público sobre o labor cultural do célebre fotógrafo de Carral.
‘Cardoña. Fotos a 7 pesetas’ é unha curtametraxe documental de 30 minutos de duración que aborda a historia do fotógrafo galego José Gestal, que todo o mundo coñecía como Cardoña. Esta película créase para poñer en valor os fotógrafos populares que facían o seu traballo polas vilas e aldeas galegas no século XX. O filme percorre a traxectoria de Cardoña e incide na dureza do seu traballo —tendo en conta que perdera a vista dun ollo e algúns dedos dunha man—, o papel que xogaba no negocio a súa dona María, o valor dos arquivos de imaxes tiradas por fotógrafos entre os anos 40 e 70 do século XX e a necesidade de conservar ese patrimonio.
No documental interveñen Matilde Gestal (filla de Cardoña), o fotógrafo Xoán Piñón, o fotohistoriador Carlos Castelao e o investigador e fotógrafo Manuel Sendón.
Despois da proxección haberá un pequeno coloquio entre protagonistas, especialistas e o propio director, Carlos Lorenzo, autor tamén de ‘Vértice de versos’ e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
A actividade está dirixida ao público en xeral. A entrada é de balde e será libre ata completar a capacidade do auditorio do Centro Sociocultural Ágora.