O concelleiro de Deportes, José Oreona, e o secretario da Asociación naronesa de Esgrima Antiga ANEA, Alberto Gundín, presentaron esta mañá no Concello a décima edición do Torneo de Esgrima Cidade de Narón que se celebrará este sábado, día 25, nas instalacións do pavillón da Mocidade, na Gándara.
Medio centenar de persoas participarán neste evento, que se disputará entre as 10.00 e as 16.15 horas, tal e como indicou Gundín. O Concello de Narón colabora a través da área de Deportes na organización desta convocatoria, con entrada de balde.
Ás 10.00 horas comezará o torneo na modalidade de espada e broquel e ás 12.15 horas iniciarase o Torneo de espada longa. Xa pola tarde, ás 16.15 horas, dará comezo o Torneo de espada roupeira. Dende Anea indicaron que os participantes proceden de asociacións de esgrima de Ferrolterra e da Coruña pero tamén chegados doutras comunidades, como o País Vasco ou Madrid e mesmo doutros países como Portugal.
O concelleiro de Deportes felicitou á Asociación Naronesa de Esgrima Antiga ANEA polo traballo que desenvolven ao longo do ano e desexoulles moito éxito nesta nova convocatoria programada na cidade.