Turismo de Santiago deseña un catálogo de oito sendas naturais para facer andando desde a cidade e poñer en valor turístico o inmenso patrimonio natural de Compostela.
O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi o proxecto “Sendas de Santiago” un catálogo composto inicialmente por oito sendas naturais que amosan a excelente relación existente entre o núcleo urbano de Compostela e a súa contorna.
Segundo apuntou Sindo Guinarte, o proxecto ten un dobre obxectivo: por unha banda dirixirse a dous segmentos turísticos importante para o modelo turístico da cidade, o turismo de natureza e o turismo familiar; e por outro, ser unha ferramenta para ofrecer alternativas que permitan descentralizar os fluxos turísticos que se concentran na Catedral e no Casco Histórico.
Os espazos verdes da cidade inclúen parques, xardíns, hortas e ríos e paisaxes, que se complementan coas zonas non urbanizadas das parroquias, que seguen conservando a súa estrutura rural. Xuntando os metros cadrados de zonas verdes que xestiona directamente o Concello de Santiago ás zonas administradas pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela corresponden máis de 80 metros cadrados por habitante, moi por riba da media recomendada pola Organización Mundial da Saúde, que é de 10-15 metros por habitante.
O proxecto “Sendas de Santiago” nace para poñer en valor turístico estes inmensos recursos naturais cos que conta o Concello, deseñando oito sendas naturais pensadas para acceder camiñando desde a cidade, de curta e media duración e pouca ou ningunha dificultade, que se poidan realizar nun par de horas ou medio día como máximo e orientadas tanto a familias, como a persoas con mobilidade reducida, cicloturistas ou sendeiristas máis avezados.
As oito sendas que se deseñaron son: 01. Río Sarela Arriba; 02. Río Sarela Abaixo; 03. Finca do Espiño, Selva Negra e Granxa do Xesto; 04. Monte Pedroso; 05. Río Sar, Muiño de Parceiros; 06. Río Sar, Bosque do Banquete de Conxo; 07. Bosque de Galicia, Cidade da Cultura, Parque do Lago; e 08. Monte Viso, Senda mitolóxica. Percorrendo estas oito sendas teríase un coñecemento preciso da unión que se da entre o centro urbano de Santiago e a natureza en practicamente todas direccións nas que se vaia.
As sendas, elaboradas co apoio da Deputación da Coruña, están dispoñibles na oficina de información de Turismo de Santiago, pero tamén na páxina web da entidade municipal, santiagoturismo.com, onde poden descargarse tanto os folletos cos planos en pdf como as rutas virtuais (tracks das rutas en distintos formatos). No folleto de cada senda descríbese a ruta que se vai percorrer, a súa distancia e duración estimada así como o seu grao de dificultade, entre outros.