Friday 22 de November de 2024

Alternativa de Bergondo reclama ao ADIF a creación dun paso peonil baixo a vía do tren na Fraga


No lugar de A Fraga (Cortiñán) a estrada provincial DP0105 atravesa por debaixo da vía do tren nun pequeno tramo. Como é de sobra coñecido este paso inferior non ten as dimensións suficientes como para garantir o paso seguro dos viandantes. Trátase dun problema vello cuxa solución non parecería sinxela. Sen embargo, unha observación polo miúdo da zona permite albiscar unha posibilidade que consideramos factible ou -cando menos- merecente de ser estudada coa atención por parte dos responsables da administración ferroviaria. Na parte inmediatamente anterior ao paso existe (na marxe dereita) un terreo “ocioso” e con árbores enfermas que xa se desplomaron ou acabarán facéndoo, con unha anchura moi superior á que cabería presupoñer se o observamos dende a parte inferior. O mesmo sucede do outro lado do túnel, aínda que en menor medida. A posibilidade que semella factible sería a de retirar toda esa enorme masa de terra, que non aporta nada en cando á estabilidade da plataforma da vía. Isto permitiría deixar libre o acceso á parte inferior da via e practicar un paso inferior peonil, seguindo o exemplo ou modelo existente no polígono de Pocomaco. Isto non só permitiría comunicar dúas partes da parroquia que están en certo modo illadas unha da outra dende o punto de vista peonil, senón que ademais facilitaría dispor dunha beirarrúa de maior ancho nun lugar onde é extremadamente estreita, amén de posibilitar algunha praza de aparcamento.

Alternativa dos Veciños de Bergondo propoñerá ao pleno da corporación instar ao ADIF a que estude a viabilidade técnica de utilizar parte dos terreos da súa titularidade na zona especificada para a execución dun paso inferior peonil, facilitando o tránsito seguro de viandantes e ciclistas. Se como froito dese estudo se determinase dita viabiliade se acometan, por parte dese organismo, as obras necesarias para facer realidade as mellora propostas.