Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca que a cooperación entre administracións redunda nunha mellora da prestación dos servizos públicos


Rueda asistiu esta mañá á inauguración da IX Asemblea Xeral da Fegamp, á que pediu que siga actuando como unha voz única do municipalismo galego

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu hoxe na importancia da suma de esforzos, da cooperación e da colaboración entre Administración autonómica e local, o que redunda na mellora da prestación dos servizos públicos que as galegas e os galegos demandan.

O vicepresidente da Xunta asistiu esta mañá á inauguración do IX Asemblea Xeral da Fegamp, onde trasladou o agradecemento á directiva saínte por estes anos de traballo nun momento económico complicado, nos que a Fegamp ten sabido manterse unida, e actuar como unha voz única do municipalismo e ao tempo manter a lealdade institucional na relación coas outras Administracións, sen deixar de reivindicar con firmeza para os concellos o que consideraban máis xusto.

Rueda trasladoulle aos alcaldes a importancia de manter o consenso en beneficio da labor de defensa dos intereses conxuntos de todos os concellos galegos, e indicou que con traballo, diálogo e lealdade institucional seguirase garantindo os mellores servizos aos cidadáns, clarificando o financiamento e as competencias que a cada Administración lle corresponde, polo que reiterou que é fundamental seguir a apostar pola cooperación, tanto entre os propios concellos como entre Xunta e concellos e sobre todo entre Xunta e Deputacións.

Ademais, subliñou a necesariedade de evitar duplicidades e ser máis eficaces, e indicou varios exemplos froitos de esa cooperación entre Administración autonómica e local, en ámbitos como servizos sociais e de benestar, Igualdade e loita contra a violencia de xénero, vivenda, servizos de emerxencias ou a administración electrónica.