Saturday 16 de November de 2024

A Banda Municipal de Música inicia a súa tempada de concertos primaverais no Teatro Colón, con Juan Lois Diéguez como director convidado


‘Música e natureza’ terá lugar este xoves 23 (20.00 horas), nunha sesión que será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto

Este concerto abre un calendario de máis de dez actuacións da Banda ata finais de maio, en localizacións como a Igrexa de San Xurxo, o Conservatorio Profesional e os centros cívicos municipais

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) abre este xoves 23 a súa programación de concertos de cara á tempada de primavera, con máis de dez actuacións previstas ata finais de maio en diversas localizacións da cidade, como é o caso da Igrexa de San Xurxo, o Conservatorio Profesional, a rede de centros cívicos municipais e o propio Teatro Colón.

Tal e como apuntou a alcaldesa, Inés Rey, na presentación do calendario da BMMC paraeste primeiro semestre de ano, “o obxectivo do Goberno municipal é achegar a filosofía, historia e tradición da Banda Municipal a toda a cidadanía, achegándoa tamén ás novas xeracións e facéndoa máis visible nos barrios”.

A agrupación inicia esta tempada de primavera no Teatro Colón co pontevedrés Juan LoisDiéguez (Agolada, 1980), formado nos conservatorios de Lalín, Santiago de Compostela eVigo. Diéguez, como director convidado, levará a batuta no concerto desta semana, ‘Música e natureza’. Diéguez é un vello coñecido da BMMC, á que xa dirixiu en tempadas previas, e nesta ocasión acompañará ás e aos profesionais da Banda nun espectáculo de carácter temático sobre a chegada da estación primaveral.

Como xa é habitual, a sesión será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto.
Retransmitirase tamén en directo a través da canle oficial da BMMC en YouTube.

A Banda Municipal de Música, acompañada pola Coral Polifónica El Eco, abrirá camiño á
celebración da Semana Santa na cidade cun concerto previsto o sábado 1 de abril, ás 20.00
horas, na Igrexa de San Xurxo. O director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, estará
novamente á fronte da agrupación.