Saturday 16 de November de 2024

Todo preparado para unha V Feira do Queixo que agarda superar todas as marcas de asistencia


O evento, que se celebrará este domingo 26 de marzo, presentouse este mediodía na Sede Afundación de Ferrol

Moeche recupera este domingo 26 de marzo a feira dedicada ao queixo, despois de tres anos sen se celebrar por causa da pandemia. A nave do Mercado de San Ramón acollerá desde primeiras horas da mañá un evento con case 40 postos centrado na venda e degustación do produto estrela, ademais doutros derivados do leite e, principalmente, produto alimentario de proximidade e artesanía. Argumentos xa de por si atraentes que de seguro chamarán por numeroso público de dentro e fóra do municipio, co alicente dunha chea de actividades paralelas entre catas comentadas, obradoiros para a rapazada, música e visitas guiadas ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla e ao castelo de Moeche con transporte incluído. Ademais, este ano volve haber Tren do Queixo con saída da estación de Ferrol ás 10:45h e regreso desde Moeche ás 14:04, 17:29 e 19:19h.

O contido completo da feira presentouse este mediodía na Sede Afundación Ferrol nun acto presidido pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, ao que asistiron representantes do tecido asociativo, do sector hostaleiro e alimentario comarcal, dos gobernos locais de Moeche, Ferrol, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño, e tamén das dúas queixarías que colaboran co evento: Lácteos de Moeche e Queixos Brigantia.

A rexedora, acompañada de Chao Quintana, responsable da empresa Rural Consulting, explicou polo miúdo un programa que comezará ás 10:00h coa apertura dos postos e para o que se agarda unha grande afluencia de público tras tres anos sen feira. Bascoy detacou, ademais, o alto número de participantes que hai este ano, o que obrigou ao consistorio a ampliar o espazo dispoñible cunha carpa exterior.

Neste sentido, dos 38 expositores inscritos, 18 son queixarías da zona e chegadas doutras partes de Galicia, que ofrecerán un mostrario de todas as formas, maduracións e sabores que poden atoparse dentro e fóra das catro denominacións de orixe protexidas que existen no país.

A V Feira do Queixo contará, ademais, con outras 10 queixarías con produto procedente de Asturias, Cantabria, Zamora, León, Francia e do País Vasco. Deste último lugar é a queixaría convidada na presente edición, Lácteos Goine, acollida á Denominación de Orixe Protexida Idiazabal. Os queixos desta D.O.P. elabóranse nos territorios de Euskal Herria -País Vasco e Navarra- a partir de leite crú de ovellas de raza Latxa ou Carranzana, do que saen pezas de entre 1 e 3 quilos cun mínimo de 2 meses de maduración.

Lácteos Goine é unha pequena queixaría familiar instalada nun caserío ao pé do monte Ernio, en Asteasu (Guipúscoa), que leva recollido na última década ata cinco galardóns nos World Cheese Awards. As súas especialidades son o Idiazabal natural e o afumado, aínda que tamén elabora rolos, iogures, leite callado, queixo tenro e queixo fresco, empregando sempre leite de Latxa.

Alén de queixo e outros derivados do leite, na V Feira do Queixo de Moeche tamén se poderá mercar pan, doces, mel e artesanía, que se repartirán polos 10 postos restantes ata completar o total de puntos de venda participantes.

Actividades paralelas
Para animar o evento, o Concello de Moeche programou múltiples actividades paralelas dentro e fóra do recinto do mercado. Así, ás 11:45 e ás 12:45h desenvolveranse dúas catas comentadas polo mestre queixeiro Alejandro Montes. Por un prezo de 6€ poderán degustarse catro queixos e un viño mentres o experto vai guiando o descubrimento de sabores e matices e como interpretalos. As prazas están limitadas a 20 persoas por quenda e haberá que reservar antes no punto de información da feira (entrando a man esquerda).

Por outra banda, pensando principalmente na rapazada, nunha carpa instalada na explanada da feira ofreceranse varios obradoiros a distintas horas: moído de pementón (11:30 e 16:30h), modelado de barro e cerámica (11:45 e 17:30h) e elaboración de queixo (ás 12:00 e ás 16:30h). Os obradoiros son de balde e as nenas e nenos poderán apuntarse na propia carpa ata pouco antes do seu comezo.

Un dos momentos centrais da feira vivirase sobre as 13:15h, cando se lle dará a benvida á queixaría convidada. Un acto que irá precedido desde as 12:00h da música do Dúo Fenel (Fausto Escrigas e Ricardo Mouriño) e seguido, a iso das 13:30h, dunha pequena sesión vermú coa grande banda galega Faíscas da Pontraga. A música regresará pola tarde, pouco antes da clausura, coa actuación ás 18:30h da Gramola Gominola para público infantil e familiar. Durante a xornada tamén se celebrarán dous sorteos de lotes de produtos da feira, un ás 14:00 e outro ás 18:15h.

Porén, a V Feira do Queixo tamén pretende ser un foro de intercambio de coñecemento e puntos de vista sobre as posibilidades da transformación leiteira baseada na calidade e nos produtos diferenciados. Neste sentido, os expositores participantes teñen programado un encontro ás 15:30h para falaren, entre outras cuestións, das perspectivas do mercado e da incidencia que vai ter no sector a aplicación da nova PAC.

Tren do Queixo e visitas guiadas
Para facilitar a asistencia á feira, o Concello volve poñer o coñecido como Tren do Queixo. Un servizo que sairá da estación de Ferrol ás 10:45h e que virá facendo paradas en todos os apeadeiros ata chegar á estación de Moeche (ás 11:30h, aproximadamente), desde onde haberá autobús até o recinto feiral. Para regresar danse tres opcións: no tren das 14:04h, no das 17:29 ou no das 19:19h, con traslado en autobús igualmente desde a feira ata a estación.

Outras propostas incluídas no programa da V Feira do Queixo de Moeche son as visitas guiadas. Ás 11:30 e ás 12:30h poderemos percorrer as instalacións do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, promovido polos concellos de Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño para ofrecerlles ás pequenas explotacións e particulares da comarca un espazo totalmente equipado para a elaboración de todo tipo de conservas de horta, froita e mel. Durante as dúas visitas tamén se achegará información sobre os próximos cursos que se van desenvolver nas súas instalacións.

Tamén haberá dúas visitas guiadas gratuítas ao castelo de Moeche con servizo de autobús de ida e volta desde a feira. A primeira sairá ás 12:30h e a segunda ás 16:30. Cómpre anotarse no punto de información instalado na nave do Mercado. Os percorridos duran aproximadamente unha hora e serán unha fantástica oportunidade para descubrir os novos contidos do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, reaberto hai tan só uns días.

Onde xantar
A V Feira do Queixo deste domingo 26 de marzo tamén será a escusa perfecta para vir pasar o día a Moeche. Quen opte polo Tren do Queixo ou vir polos seus propios medios poderá xantar na Polbería Mambís -xusto fronte á nave do Mercado- ou optar pola boa cociña da hostalaría local, aínda que desde o Concello se recomenda reservar:

Restaurante Casa Pena. Rúa da Feira, San Ramón. Tlf. 981 404 024
Restaurante Delfino. Estrada Xeral, San Ramón. Tlf. 981 404 165 / 699 080 285
Mesón O Campo. San Ramón (A Feira). Tlf. 981 404 475
Taberna Irmandiños. Castelo de Abaixo. Tlf. 981 404 354

PROGRAMA COMPLETO DA V FEIRA DO QUEIXO DE MOECHE

10:00 Apertura da Feira
10:45 Saída do Tren do Queixo desde Ferrol
11:30 Visita guiada ao Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla
Chegada do tren do queixo (autobus ata a feira)
Obradoiro de elaboración de pementón (carpa exterior)
11:45 Cata comentada por Alejandro Montes
Obradoiro infantil de cerámica (carpa exterior)
12:00 Actuación musical do Dúo Fenel
Obradoiro infantil de elaboración de queixo (carpa exterior)
12:30 Visita guiada ao Centro de Transformación Agraria A Fusquenlla
Saída do autobús para visitar o castelo
12:45 Cata comentada por Alejandro Montes
13:15 Benvida a queixaría convidada. Goine de IDIAZÁBAL
13:30 Sesión vermú con Faíscas da Pontraga
14:00 Sorteos produtos da feira

15:30 Encontro profesional de queixarías
16:30 Obradoiro infantil elaboración de queixo (carpa exterior)
Obradoiro de elaboración de pementón (carpa exterior)
Saída do autobús para visitar o castelo
17:30 Obradoiro de cerámica (carpa exterior)
18:15 Sorteos produtos da feira
18:30 Actuación da Gramola Gominola (carpa exterior)

INFORMACIÓN DE INTERESE
* Obradoiros infantís gratuítos, con inscrición o mesmo día da feira na carpa exterior.
* Visitas ao castelo, con autobús e entrada gratuíta, duas saídas do recinto feiral 12.30 h e 16:30 h. Duración da visita 1 hora.
* Catas comentadas (4 queixos + viño) por un prezo de 6€. Reserva de praza con antelación na zona destinada a catas. Máximo.20 persoas por cata.