Friday 22 de November de 2024

Vicepresidencia reforza nos seus Orzamentos para 2016 a súa aposta pola igualdade e pola administración de xustiza


As políticas de Igualdade increméntanse en 1,7 millóns e abordarase a execución dos edificios xudiciais de Coruña, Pontevedra e Vigo

O vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos do seu departamento para o vindeiro exercicio 2016, no que se consolida a compromiso do Executivo coa Igualdade entre homes e mulleres e coa dotación de medios para a Administración de Xustiza.

No caso da Igualdade, o vicepresidente destacou o incremento de 1,7 millóns de euros nas políticas de igualdade, con subas nas axudas directas a mulleres vítimas de violencia de xénero, a mulleres emprendedoras e ás entidades de iniciativa social. Así, sube a partida para as axudas económicas periódicas para as vítimas e incrementase tamén a colaboración coa Rede Galega contra a Trata, ademais de seguir co servizo de atención psicolóxica e co financiamento do Centro de Recuperación Integral e das casas de acollida.

Entre outras, tamén porase en marcha un novo modelo de atención á vítima, cun protocolo que implicará a todas as institucións galegas e que vai permitir dotar ás vítimas dunha única persoa profesional de referencia, que canalice as súas solicitudes. E dará comezo un programa de inserción laboral financiado con 650.000 euros.

A maiores, increméntanse a convocatoria de axudas do programa Emega, para mulleres emprendedoras, que superará en 2016 o millón de euros; mentres que as transferencias aos concellos para actuacións nesta materia superaran os 4 millóns de euros. Mantéñense os programas de promoción da igualdade e de conciliación, os que financian o asociacionismo feminino, as actividades de conciliación das ANPAS e a redución de xornada para o coidado de fillos/as.

No ámbito da conciliación, o vicepresidente anunciou finalmente para o vindeiro ano 2016, e así figura nos orzamentos, a construción e posta en funcionamento dunha escola infantil para os traballadores do complexo administrativo de San Caetano.

Infraestruturas xudiciais
En canto á Xustiza, ten unha subida do 12 por cento e acada así a súa maior dotación na historia da Xunta de Galicia. Para 2016, dótanse as cantidades precisas para seguir completando o mapa de novas infraestruturas xudiciais, de tal xeito que o ano que vén se abordan tres grandes proxectos: Coruña, Pontevedra e Vigo, despois de que xa estivesen realizadas as reformas dos xulgados de Ferrol e da rúa Monforte da Coruña e as construcións de novos edificios en Santiago, en Ourense e no Casco Vello de Vigo.

Así, a rehabilitación da Fábrica de Tabacos da Coruña conta cun investimento que rolda os 16 millóns de euros e que vai aumentar nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais nesa cidade. Para o seu remate dótanse 8,3 millóns. Para o novo edificio xudicial de Pontevedra, que xa está licitado por 20 millóns, no ano 2016 destínanse 5 millóns para o comezo da obra.

Finalmente, para a Cidade da Xustiza de Vigo, confiando en que dunha vez por todas o Concello faga efectiva a cesión dos terreos, comprométense as anualidades necesarias para afrontar este investimento de 24 millóns e consígnase a partida para poder proceder a unha licitación conxunta de proxecto e obra, para axilizar o proxecto e que pronto se faga unha realidade.

Fomento das fusións
No eido local, crease o Fondo de Fusións, aumenta o Fondo de Cooperación Local ata os 116,1 millóns de euros e hai unha suba ás entidades locais para apoiar a prestación de servizos, ao tempo que se manteñen as dotacións derivadas do Fondo de Compensación Ambiental. Polo tanto, a Xunta aposta unha vez máis por máis fondos para os concellos e tamén por un modelo de xestión que garanta unha prestación de servizos eficiente e de calidade nas entidades locais.

En concreto, increméntanse en 3,3 millóns á partida que financia as axudas a concellos para creación e ampliación de servizos locais, ponse en marcha o chamado Fondo de Fusión para apoiar a todos os concellos que decidan levar máis alá a súa cooperación e apostar por fusionarse; e regúlase por lei que aqueles concellos que aposten pola unión recibirán da Xunta solucións para sacar adiante as súas novas relacións de postos de traballo, os seus novos inventarios de bens e os seus novos Plans Xerais, ademais da prioridade destes concellos para a recepción de subvencións autonómicas e solucións para a xestión dos postos de habilitados nacionais que resulten afectados pola fusión.

Atención ás emerxencias
No eido das emerxencias, mantense o financiamento do sistema de Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), cuxa continuidade será formulada á Fegamp para introducir as melloras que sexan necesarias. Para o ano que vén as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil terán un equipamento renovado grazas aos 4,5 millóns de euros deste ano para dotar a 143 Agrupacións e no ano 2016 consígnase outro millón para chegar ao resto. Ademais, no ano 2016 botará a andar o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias na Estrada.

Por último, no tocante aos medios materiais das forzas de seguridade, se no ano 2015 se entregaron máis de 80 vehículos para as policías locais, o 2016 será a quenda da Policía Autonómica, que recibirá 12 vehículos todoterreo.