A Asociación de Hostalaría colabora na iniciativa, que está aberta á participación de todos os establecementos interesados
Entre as numerosas actividades que vimos desenvolvendo nos últimos meses para a normalización e a promoción da lingua galega en diferentes ámbitos, chega agora a quenda do sector da hostalaría. Grazas á colaboración da Asociación de Hostalaría de Carballo, o Servizo de Normalización Lingüística realizará con vistas á Semana Santa un reparto masivo de salvamanteis con pasatempos da revista A píllara, editada polo Concello de Carballo coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). O obxectivo é que mentres agarda por unha tapa, unha ración ou un xantar, a clientela poida entreterse e exercitar o uso da nosa lingua facendo unha sopa de letras ou un anagrama.
A proposta foi moi ben acollida polo sector, e, de feito, a través da Asociación de Hostalaría xa se anotaron unha ducia de establecementos. Algúns deles, así coma a propia directiva da entidade, asistiron este luns á presentación dos salvamanteis xunto co alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e a técnica do SNL, Carme Pereiro.
Pero a proposta está aberta aínda á participación dos/as empresarios/as interesados/as, formen parte ou non da entidade. O único que teñen que facer é poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal, dos números de teléfono 881 983 865 ou 626 125 495, ou tamén de maneira presencial na casa do concello. Todas as peticións serán aceptadas e incluso se irán repoñendo os salvamanteis ata fin de existencias. Para esta primeira edición imprimíronse 20.000 unidades, pero, en función da acollida da iniciativa, non se descarta realizar novas tiradas. Ademais dos pasatempos, os salvamanteis inclúen imaxes da píllara das dunas, un poema de Eduardo Pondal no que fala desta ave protexida e mesmo un código QR que permite escoitar o seu canto. O contido irá variando en futuras tiradas.
O Servizo de Normalización Lingüística está a desenvolver unha intensa actividade desde que retomou a súa actividade, a mediados de xullo do ano pasado. Nestes momentos están en marcha proxectos colaborativos coma Youtubeiras e Enreguéifate, actividades para familias con cativada de 0 a 6 anos a través da rede Apego, cursos preparatorios para as probas Celga, de inmersión lingüística para estranxeiros/as e de linguaxe administrativa para o persoal municipal; pero tamén se teñen realizado unha campaña de reparto de adhesivos a todo o alumnado de secundaria, entre outras actividades para escolares, e colaboraremos de novo coa Universidade da Coruña na celebración do curso de verán Traballando en lingua.