Friday 22 de November de 2024

Alumnado de Comunicación Audiovisual da UDC filma en San Sadurniño a curta “Justicia Divina”


Trátase dunha comedia interactiva que se estreará en maio

Divina é unha monxa que ten ao seu cargo as cámaras de seguridade do convento no que comparte os seus días canda outras relixiosas. A vida intramuros é, cara a fóra, todo virtude e recollemento entregado a Deus. Porén, as cousas nunca son o que parecen e a realidade de portas para dentro do cenobio é un compendio de costumes disolutos e inmorais que non escapan aos ollos das cámaras…nin tampouco aos de Divina. Esta é, a grandes trazos, a sinopse argumental de “Justicia Divina”, unha curta producida por alumnado da Universidade da Coruña que se filmou na Casa do Concello de San Sadurniño durante a pasada fin de semana. Trátase dunha comedia irreverente que poderemos ver en liña a mediados de maio e que, ademais, está concibida como un filme interactivo que nos ofrecerá a posibilidade de elixir distintas historias desde o punto de vista da súa protagonista principal.

“Justicia Divina” está dirixida por Cristóbal Añón e producida por Xián García canda un grupo de estudantes de terceiro curso de Comunicación Audiovisual da Uuniversidade da Coruña, como parte da súa actividade académica.

Durante o sábado e o domingo o equipo filmou as escenas da trama en distintas estancias do antigo Pazo da Marquesa que, curiosamente, tamén tivo durante varios anos unha función próxima á conventual como colexio xestionado pola congregación das Hijas de Cristo Rey.

Con todo, a historia que nos contará “Justicia Divina” nada ten que ver co pasado do pazo, senón que o guión, escrito en clave de comedia, nos mostrará monxas que en privado -segundo nos avanza Xián García- “fuman porros, fan pintadas sobre os cadros sagrados, déitanse co cura…” e entréganse outros actos pecaminosos captados por unha rede de cámaras de vixilancia controladas pola protagonista, convertida no argumento nunha especie de Grande Irmá que todo o sabe.

Tal e como comenta o responsable de produción, a curtametraxe estrearase previsiblemente a mediados de maio, coa peculiariedade de que se poderá ver a través dunha web que permitirá seleccionar de maneira interactiva distintos puntos de vista para seguir a historia.

O equipo, formado por oito rapazas e rapaces, xa anunciou a súa intención de participar no VIII Chanfaina Lab filmando unha nova peza no marco deste encontro audiovisual que se celebra a primeiros de setembro e cuxas curtametraxes se estrean a principios do ano seguinte.

Non é a primeira vez que o antigo Pazo da Marquesa -hoxe Casa do Concello de San Sadurniño- sen converte en plató de rodaxes. É escenario recorrente das filmacións do Chanfaina Lab desde a súa primeira edición e, ademais, tamén foi elixido para longametraxes e series de televisión, unha delas a primeira temporada de “Rapa”, emitida en Movistar+.