A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou o proxecto de execución da rede “Itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono (Fase I- entorno Intermodal)”, que sae a licitación por 307.519,40 euros, IVE engadido, e un prazo de execución de tres meses. Dos acordos adoptados informou, en rolda de prensa, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo.
As actuacións que se contemplan no proxecto teñen por obxecto a implantación dun itinerario ciclista entre a avenida de Romero Donallo, a rúa de Amor Ruibal e a rúa do Hórreo. Con esta intervención darase continuidade ás obras xa realizadas na rúa Clara Compoamor e na rúa do Hórreo e estableceranse as bases da futura rede de itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono.
A solución proxectada levarase a cabo nunha contorna urbanizada e sobre un sistema viario xa existente, polo que, para a implantación dunha vía ciclista segregada do tráfico rodado é preciso reducir o ancho das beirrarrúas ou carrís, ou incluso suprimir algún. Na rúa Romero Donallo contémplase carrís de 3 metros, e no treito que vai dende a rúa Rosalía de Castro ata a saída do túnel está revisto eliminar un carrill por sentido. Cada marxe contará cun itinerario ciclista, dun só sentido e ancho comprendido entre 1,50 e 2,00 metros. Entre a vía ciclista e a beirarrúa disporase unha zona verde.
A rúa de Amor Ruibal contará cunha vía ciclista na marxe dereita, en dirección Pontepedriña, de dobre sentido de circulación e un ancho de 3,20 metros. Nesta marxe será necesario suprimir un carril de circulación. Na rúa do Hórreo proxectáronse dúas solucións mantendo o actual número de carrís cun ancho de 3,25 metros. Dende a intersección coa rúa de Romero Donallo e ata o primeiro paso de peóns contará cun itinerario ciclista en cada marxe, dun só sentido e 2 metros de ancho. A continuación, discorrerá só pola marxe esquerda, con dobre sentido de circulación e 3,25 metros de ancho, ata a súa conexión coa vía ciclista xa existente na rúa do Hórreo.
A maiores, o goberno municipal tamén aprobou a licitación de dúas obras no rural, por un importe total de 267.514,59 euros. A primeira, as obras de “Pavimentación do lugar de Aradas (A Peregrina)”, incluidas no “Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 – 1ª fase da Deputación Provincial da Coruña”, que conta cun orzamento base de licitación de 143.236,40 euros
A segunda, o expediente das obras de “Pavimentación do lugar de Coira (Laraño)” incluidas no “Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 – 1ª fase da Deputación Provincial da Coruña”, cun orzamento base de licitación de 124.278,19 euros.
Por outra banda, aprobouse a solicitude de subvención nominativa da Deputación da Coruña, por importe de 230.876,55 euros, para a primeira fase de acondicionamento da edificación que albergará o Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Villestro (CIRVI) en Santiago de Compostela.
O CIRVI será o centro de recepción de visitantes do proxecto “Compostela Rupestre” que abarca os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. Tal como recolle o Plan Director do proxecto, será o lugar de acollida e información para os visitantes. O seu obxectivo é difundir os atractivos do parque, proporcionándo a información necesaria para chegar a eles. Ademais, está previsto que conte cunha exposición escenográfica e con elementos multimedia e audiovisuais co fin de promover o patrimonio cultural, tanto da arte rupestre coma da paisaxe do territorio de Compostela Rupestre.
O importe total do proxecto, IVE engadido, ascende a 225.857,18 euros para o acondicionamento do edificio incluído o mobiliario, gráficas e equipamento. A esta cantidade engadiríanse outros 5.019,37 euros para o control arqueolóxico que abrangue o proxecto, traballo de campo, informes e memoria.
Preguntas
O alcalde tamén informou que o mesmo día que se asinou o Pacto polo Rural, o pasado sábado, se lle remitiu á Federación de Asociacións do Rural de Santiago (FERUSA), un borrador de proxecto de regulamento, para regular a creación do Consello Municipal de Medio Rural. “Recibimos unha serie de aportacións e indicacións por parte de FERUSA, e hoxe a última hora da mañá enviaráselle un texto xa refundido incorporando esas modificacións propostas, e tamén unha proposta de sistema de elección dos representantes veciñais” que formarán parte dese consello. Sánchez Bugallo engadiu que a intención do executivo municipal é levalo a Xunta de Goberno o mércores, despois de que pase polos distintos grupos políticos; e convocar a comisión informativa de Réxime Interior para o vindeiro luns para que poida ir ao pleno ordinario do 30 de marzo para a súa aprobación.
Polo que respecta a reurbanización do tramo que falta da rúa Castrón Douro, o alcalde foi claro: non se pode recuperar o proxecto orixinal, porque se “atoparon dificultades no previstas inicialmente”. Citou, en concreto un prisma da rede troncal de telefonía que está a 50 centímetros de profundidade, que non permite baixar a rúa máis de 25 centímetros. O seu traslado, explicou, demoraría a obra e incrementaría “notablemente” o custe, orzamentado en 650.000 euros. Neste momento o proxecto presentado está, sinalou, para ser informado pola “Comisión Asesora do Patrimonio Histórico”.