Friday 22 de November de 2024

Comeza a terceira e última fase das obras de reurbanización de Alcalde Marchesi, no tramo entre as rúas Río Monelos e Posse


A intervención comezou este luns para dar continuidade ao tramo de Alcalde Marchesi entre Ramón y Cajal e Río Monelos. Nesta última rúa comezou hoxe tamén a instalación de novo mobiliario urbano

O Concello da Coruña iniciou esta mañá a derradeira fase de traballos para completar a reurbanización da rúa Alcalde Marchesi no tramo que conecta as rúas Ramón y Cajal e Posse, unha intervención que comezou o pasado mes de xaneiro, levándose a cabo por tramos co fin de minimizar as alteracións ao tráfico e facilitar o acceso aos garaxes da contorna.

Os traballos neste sector comezaron a executarse a inicios de ano na rúa Río Monelos,onde xa se dispuxo plataforma única e onde continúa a intervención prevista polo servizo de Infraestruturas para conformar unha zona de circulación mixta, para peóns e vehículos. Xa se acotaron tamén os espazos destinados a áreas verdes, e hoxe comezou a instalación de novo mobiliario urbano.

En paralelo, e tamén desde xaneiro, estanse a acometer obras de reurbanización no tramo de Alcalde Marchesi entre as rúas Ramón y Cajal e Río Monelos, mantendo de xeito permanente o paso peonil, neste caso mediante pasarelas ou outros medios, co obxectivo de facilitar o acceso aos portais e aos establecementos comerciais dos edificios.

Infraestruturas iniciou a última quenda de traballos deste proxecto. Esta nova quenda céntrase, concretamente, no sector de Alcalde Marchesi que abrangue o tramo entre Río Monelos e a rúa Posse, dando continuidade ás obras xa en execución entre Ramón y Cajal e Río Monelos.

Esta intervención permitirá a ampliación das zonas de uso peonil exclusivo e a creación dun espazo de pacificación, de uso mixto, con prioridade para os peóns. A rúa Alcalde Marchesi terá un carril de calzada, cunha zona de carga e descarga na marxe dereita e beirarrúas axardinadas a ambos os lados, con novo mobiliario público como bancos de formigón.

Neste sentido, no acceso desde Ramón y Cajal elevouse a calzada para evitar o exceso de velocidade dos vehículos na entrada deste tramo.