A IX Festa da Filloa de Abellá (Frades) foi todo un éxito de participación, onde preto de 2.000 persoas pasaron ao longo deste sábado 18 de marzo polo pavillón municipal de Abellá para degustaren as filloas con lacón, acompañadas dunha boa taza de caldo galego. Uns pratos que foron posibles grazas ao labor das e dos filloeiros, así como de todas as persoas voluntarias que participaron no evento ao longo de toda a xornada.
A festa estivo amenizada polos gaiteiros do grupo “Son da terriña”, da parroquia de Galegos, así como pola orquestra Barceló e Chocolate Disco Móvil, que fixo que a festa se prolongara ata a madrugada do domingo. Así mesmo, os máis cativos puideron gozar de inchables e divertidos obradoiros.
A IX Festa da Filloa de Abellá foi organizada pola asociación de veciños “Os Labregos de Abellá”, en colaboración co Concello de Frades, e conta co financiamento do Agadic, Next Generation EU, Ministerio de Cultura e Deporte, Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do proxecto Centro de Cultura Tradicional do Concello de Frades.