Friday 22 de November de 2024

O Concello porá tres vivendas e outros recursos a disposición dos refuxiados sirios que se precise aloxar en Riveira


Chamamento á cidadanía que queira coperar cos Servizos Sociais

Ao amparo da proposición adoptada unanimemente polos grupos da Corporación Municipal de Riveira o pasado 28 de setembro (achégase documento), o Concello pon a disposición dos refuxiados sirios unha diversidade de recursos dirixidos a paliar os efectos desta crise migratoria.
En concreto, e tal e como puxo en coñecemento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social a efectos do oportuno labor de coordinación (achégase documento), o Concello vai alugar tres vivendas para poñelas a disposición (cada unha delas con tres dormitorios), ademais doutros recursos como son, por exemplo, asistencia xurídica e psicolóxica, cursos de idioma para estranxeiros, formación de adultos e outros.
De igual xeito, dende o Concello de Riveira quérese facer un chamamento á cidadanía do municipio para que aqueles que queiran cooperar na acollida dos refuxiados se poñan en contacto cos Servizos Sociais Comunitarios.
Para iso, poden chamar ao número de teléfono 981 874 131 ou enviar un email a servizossociais@riveira.com, ou tamén persoarse na sede deste departamento municipal, sito no edificio coñecido como Mirador de Padín.