Friday 22 de November de 2024

Xornada Cultural da EOI e actividade CMUS


O profesorado da Escola de Idiomas de Carballo organiza a tradicional Xornada Cultural o venres 24 de marzo. Coma en edicións anteriores, ofrécese ao alumnado do centro a posibilidade de participar en distintas actividades lúdicas de aprendizaxe nos idiomas alemán, francés e inglés: desde un obradoiro de cociña e unha visita guiada ao arte mural da capital bergantiñá a un café literario, experiencias de escape rooms, unha sesión de palm reading… Este ano, ademais, contan coa colaboración de dúas especialistas: Xiao Hong, que se encargará de impartir unha clase de ioga en inglés, e Helena Varela Castro, experta en formación sobre primeiros auxilios, que compartirá os seus coñecementos en francés. Tamén haberá a clásica merenda internacional, actividade gastro-cultural na que cada docente elabora un doce ou prato do país cuxa lingua ensina para que o alumnado cate a pracer; ademais, as receitas estarán á súa disposición xunto a cada manxar, sempre na lingua correspondente, é dicir, alemán, francés ou inglés.

FESTIVAL DIVERSIDARTE
O festival das artes inclusivas Diversidarte, unha iniciativa da Asociación Poten100mos que dende o ano 2016 leva apoiado a máis de 400 artistas en diferentes situacións de vulnerabilidade, chega ao Pazo da Cultura coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música (CMUS) do Concello de Carballo.
O domingo 26 de marzo gozaremos no auditorio das actuacións de Ensemble SuperArte e Coro Infantil do proxecto inclusivo do Conservatorio Profesional de Música da Coruña. A actuación está aberta a todo o público ata completar capacidade.
A Asociación Poten100mos é unha organización sen ánimo de lucro que traballa polo desenvolvemento personal e a inclusión das persoas en situación de vulnerabilidade, desenvolvendo actividades dirixidas á súa integración e participación dentro da comunidade cun carácter innovador e eficaz.