Saturday 16 de November de 2024

O Concello avanza nos traballos para a renovación parcial do pavimento da rúa Galera, substituíndo as laxas actuais por un novo firme de granito


O persoal de Infraestruturas valora a disposición de granito do país como unha solución para reforzar a seguridade peonil, fronte a posibles escorregóns ante a choiva e a humidade

A intervención comezou esta semana e as obras levaranse a cabo de luns a xoves, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade hostaleira nas fins de semana

O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, comezou esta semana os traballos para concretar a renovación parcial do firme da rúa Galera, onde se está levando a cabo unha intervención de mantemento orientada a reforzar a seguridade dos peóns.

As obras, enfocadas moi especificamente na reforma do carril central de Galera, céntranse na substitución das laxas brancas existentes na rúa, feitas a base de material calcario e basáltico e máis susceptibles de provocar escorregóns en caso de choiva ou humidade. Por iso o persoal de Infraestruturas está a substituír as laxas por novas pezas feitas a base de granito do país, por ter unha maior capacidade de absorción da auga.

Os traballos, que se están a executar en horario diurno e de luns a xoves, coa finalidade de facilitar o desenvolvemento da actividade hostaleira nas fins de semana, levaranse a cabo de forma progresiva e por tramos: iniciáronse esta semana na confluencia entre a rúa Galera e Torreiro, e irán avanzando cara o sector oeste de Galera, ata o punto de encontro desta última coa rúa Álvaro Cebreiro.
A previsión do Goberno municipal é que esta intervención remate entre finais de marzo e comezos de abril, antes da Semana Santa.

A intervención na rúa Galera, tras a xa executada en Torreiro

Os traballos dan continuidade aos xa rematados a comezos de mes nunha rúa perpendicular, a rúa Torreiro, onde se implementou tamén un novo firme con granito do país, co obxectivo de que o pavimento gañe en resistencia e durabilidade.

Neste sentido, o persoal de Infraestruturas actuou sobre unha superficie de aproximadamente 700 metros cadrados, que abrangue especificamente os dez canos situados no percorrido central de Torreiro.