Benigno Galego, recibiu hoxe a visita da Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, e aproveitou a ocasión para trasladarlle o descontento do seu municipio e da comarca pola excepcionalidade que aplicou o ente autonómico para permitir a tramitación do parque eólico de Badulaque
O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, recibiu hoxe a visita da Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, e aproveitou a ocasión para trasladarlle o descontento do seu municipio e da comarca pola excepcionalidade que aplicou o ente autonómico para permitir a tramitación do parque eólico de Badulaque. Asegura que as consecuencias para o medio ambiente e para o benestar dos veciños e veciñas da contorna será irreparable polo que esixiulle á delegada que a Xunta sexa restritiva en canto as autorizacións sectoriais que dependan da súa administración.
Galego pediulle accións que eviten a construción do parque eólico de Badulaque e a súa liña de evacuación xunto coa do parque eólico Barqueiro.
Tras a publicación do BOE, do día 31 de xaneiro, na que se formula a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto “Parque Eólico Badulaque de 90 MW, y su infraestrutura de evacuación” pola Dirección General de Calidad e Evaluación Ambiental, o goberno local de Cerdido entendeu que estes proxectos prexudicarían gravemente o benestar dos veciños e veciñas de Cerdido. Tamén, entende que causaría un dano irreparable a nivel ambiental polo que coa moción expresan o seu rexeitamento total ao proxecto eólico.
De feito, Cerdido aprobou no Pleno Municipal estudar accións xurídicas en contra da instalación desta infraestrutura eólica. “O parque eólico terá unhas consecuencias irreparables a nivel ambiental e sen dúbida empeorará calidade de vida dos nosos veciños e veciñas” concluíu o rexedor.
Por outra banda, aproveitou a visita da delegada territorial para sinalarlle as necesidades do municipio en canto a infraestruturas municipais como o caso do CEIP da Barqueira, que xa contaba co compromiso da xefafura territorial da Xunta para acometer as melloras que están paralizadas. O mesmo sucede coa maquinaria da Piscina Municipal que necesita dunha reparación urxente.
Aneiros achegouse a Cerdido para avaliar os proxectos de infraestruturas de camiños enmarcados no Plan Marco do Agader.