_Entre os novos 75 nomeamentos como deportistas galegos de alto nivel destacan David Arcay de pesca; Manuel Antonio Campos de piragüismo; Helena García de taekwondo; Manuel Míguez de motociclismo; Eva Feijoo e Gabriel Rodríguez de salvamento; Jaime de la Gándara de vela ou David Amor, de 16 anos, na modalidade de breaking (baile deportivo)
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se recoñecen as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia e diferentes colectivos deportivos, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, das 83 novas solicitudes presentadas, son 75 -o 90%- os recoñecidos, sendo, 54 deportistas de alto nivel, 4 de alto rendemento e 14 de rendemento deportivo de base, 2 técnicas de alto nivel e 1 xuíza de alto nivel.
Entre estes nomeamentos destacan novos deportistas galegos de alto nivel como David Arcay de pesca e cásting; Manuel Antonio Campos de piragüismo; Helena García de taekwondo; Manuel Míguez de motociclismo; Eva Feijoo e Gabriel Rodríguez de salvamento e socorrismo; ou Jaime de la Gándara de vela. Cómpre salientar tamén a grande importancia que está a acadar o baile deportivo en Galicia, tras a creación da federación galega, como demostra o nomeamento do b-boy David Amor, de 16 anos, na modalidade de breaking.
Con esta última resolución publicada no DOG a comunidade galega alcanza xa os 818 deportistas recoñecidos (309 mulleres e 509 homes), divididos en 688 de alto nivel (256 mulleres e 432 homes), 39 de alto rendemento (14 mulleres e 25 homes), 62 de rendemento deportivo de base (26 mulleres e 36 homes), 14 técnicos (3 muller e 11 homes), 3 árbitros (3 mulleres), 5 xuíces (4 mulleres e 1 home) e 7 vitalicios (3 mulleres e 4 homes). Entre os 818 deportistas recoñecidos, cómpre salientar un total de 23 deportistas con diversidade funcional (9 mulleres e 14 homes) que representan o número máis alto da serie histórica. Con todo, Galicia acada con esta resolución o seu récord de deportistas recoñecidos en todas as categorías e tamén de deportistas galegos de alto nivel.
Cómpre lembrar que o novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base publicado polo DOG o pasado 29 de setembro de 2020, recoñece novas figuras como o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.